May Díaz, presidenta da Fundación Manuel Moldes, sita na Rúa Benito Corbal número 47 de Pontevedra, estivo arroupada este mércores 9 de outubro durante a presentación do catálogo da exposición Misterio+Luz=Pintura<--->Vida. Un acto no que estiveron presentes diferentes administracións, entre elas o conselleiro de Cultura, José López Campos; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; a concelleira, Eva Villaverde; e o co-comisario, Ramón Rozas, entre outros.
José López referiuse durante o acto a "un momento fantástico no eido cultural en Galicia" e indicou a importancia de que as exposicións rematen coa publicación dun catálogo que as faga perdurar no tempo. Ramón Rozas, crítico e comisario, indicou: "Non sabedes que felicidade é escribir neste catálogo en canto a Xavier Seoane. Moldes segue facendo a súa maxia".
Manuel Moldes formou parte do Grupo Atlántica, aquel elenco de artistas que, ao longo dos anos oitenta, procedeu á renovación da pintura galega a través dunha ollada vangardista sobre o propio. A derradeira exposición do pintor pontevedrés, baixo o título de Pontevedra Suite, tivo lugar no Museo de Pontevedra, onde ten obra. Foi profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e as obras firmadas por el forman parte do Centro Galego de Arte Contemporáneo, do Museo Quiñones de León/Vigo, do Museo Provincial de Pontevedra, da Colección de Arte Contemporáneo da Xunta de Galicia, da Real Academia de Belas Artes da Coruña, da Colección Afundación, entre outras.
O artista faleceu o 3 de decembro de 2017 na cidade que amaba e onde agora xa ten a fundación que leva o seu nome, na Rúa Javier Pui Llamas, 3.