A Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha nova remesa de fondos do Plan +Provincia 2025, destinando 1,9 millóns de euros a un total de 12 concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes: Agolada, Baiona, Bueu, A Estrada, A Guarda, A Lama, Nigrán, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Silleda e Vila de Cruces. Esta achega permitirá aos municipios impulsar novos investimentos e afrontar gasto corrente a través das dúas primeiras liñas do plan provincial.
O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, destacou que o goberno provincial continúa "avanzando, unha semana máis, no reparto de fondos do +Provincia", subliñando que este plan de obras e servizos de competencia municipal é o "máis ambicioso da historia da Deputación", e que xa leva distribuídos 18,4 millóns de euros entre os concellos beneficiados neste 2025.
A través da liña 1 de investimentos, concellos como Agolada, A Lama, Silleda e Vila de Cruces recibirán fondos para completar financiamentos de proxectos de recuperación urbana, mellora de accesibilidade e mobilidade, e humanización de núcleos urbanos, sumándose a partidas xa concedidas a través do Plan Extra. Ademais, A Estrada, Bueu, Ponteareas e Pontecesures destinarán as achegas a investimentos como a compra de maquinaria municipal, reurbanización de camiños e rúas, e pavimentación.
Pola súa banda, a liña 2 do +Provincia permitirá a concellos como A Guarda, Baiona e Nigrán financiar diversas actividades socioculturais, programas de apoio social e dinamización de maiores, así como eventos culturais e deportivos. Poio utilizará os fondos desta liña para o pagamento de débedas a acredores de gasto corrente e investimentos.