sábado. 12.04.2025

O polifacético artista Avelino González, coñecido polo seu traballo como actor, contador de historias e monologuista, será o encargado de dar o pistoletazo de saída ás Festas de San Telmo 2025 en Tui. A lectura do pregón terá lugar o vindeiro sábado, 19 de abril, ás 12.45 horas, dende o balcón dun edificio situado na emblemática praza da Inmaculada (anteriormente praza de San Fernando).

Avelino González atesoura unha dilatada carreira profesional no mundo da interpretación, con destacadas participacións tanto en teatro como en televisión e cinema. O público puido velo en filmes como "Cuñados" e "Heroína", e en populares series da televisión galega e nacional como "Serramoura", "Pazo de Familia", "Padre Casares", "As Leis de Celavella", "Mareas Vivas", "Cuéntame" e "Hospital Central". No ámbito teatral, un dos seus últimos traballos foi na obra "Apaga o Candil". Ademais, como monologuista, conta con espectáculos como "Chistes que foron contos", "Eran elas!" e "Galego para adolescentes".

Co pregón de Avelino González, Tui dará comezo a dez días de celebracións en honra ao seu patrón, San Telmo, que se prolongarán até o luns 28 de abril. Nos últimos anos, figuras destacadas do panorama artístico galego como Luís Zahera, Carlos Blanco e Isabel Blanco foron os encargados de ler un pregón que sempre se caracterizou polo seu ton festivo e a súa capacidade para anunciar o inicio das esperadas festas patronais tudenses.

O actor Avelino González dará o pregón das Festas de San Telmo 2025 en Tui
Comentarios