Francisco Fernández del Riego, inesquecible Don Paco, comentou sobre a súa pintura: "Non son os lapis nin os tubos de materia cromática os que lle dan vida aos cadros de Álex Vázquez. É a propia alma do artista a que fai pintura da súa pintura e debuxo do seu debuxo".
Álex Vázquez conta cunha ampla traxectoria. O seu innegable talento abriulle as portas de moi distintas galerías e centros de prestixio, onde a súa capacidade creativa se foi expoñendo con regularidade, viaxando a súa obra por diferentes cidades europeas.

Algunhas mostras do seu máis recente traballo, dun amplo catálogo que supera as duascentas exposicións, son: "A Camelia no Xardín das Rías Baixas", Museo de Castrelos, 2007; "Como o aire se xunta a si mesmo", Centro Cultural Marcos Valcárcel, Ourense, 2014; "Camellia Journey. From the East to the Rias Baixas", 2014; "Camellia Journey. From", Pontevedra, 2015; "Acariñando o Ceo (Antoloxía)", Museo de Pontevedra, 2015; "Caminos E/ Camino y la Camelia", Worcester Catedral, Birmingham, 2018. Destacan tamén as súas contribucións no campo da ilustración e o deseño gráfico.
Cabe salientar o seu bo labor como ilustrador en publicacións de renombrados escritores galegos como o xa mencionado Francisco Fernández del Riego, mais tamén Carlos Casares, Darío Xohán Cabana, Francisco Xosé Fernández Naval ou Xavier Alcalá, e a súa faceta de deseñador de edicións de arte ou catálogos, así como de relevantes mostras.

"Apuntes 1, 2, 3, 4, 5, 6, Muiños de O Picón e O Folón", técnica mixta sobre cartulina Canson de 300 gramos e unha dimensión de 100x100 centímetros, formarán parte da exposición itinerante "Os Muiños de O Folón e O Picón, a través da plástica", polo Camiño Portugués, desde Lisboa a Santiago de Compostela.
Será na Casa dos Alonso, no Concello da Guarda, o punto de partida do acontecemento plástico o próximo día 25 de abril, coincidindo coa Revolución dos Cravos no país veciño.