O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe a Rosalía de Castro coma unha autora valente e transgresora que será lembrada para sempre coma unha icona da literatura galega. “Foi moito mais que unha magnífica poetisa e literata. Foi un símbolo do feminismo, da igualdade, das letras galegas, da nosa cultura e da nosa identidade”, asegurou durante a homenaxe que se celebrou en Santiago de Compostela con motivo do 187 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.
Durante o acto, no que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, o presidente salientou a importancia de manter vivo, “engrandecer e enxalzar” o legado de Rosalía, “unha das máximas representantes da nosa cultura” e que contribúe a levar a “marca Galicia” por todo o mundo.
Por último, Rueda fixo fincapé na valentía desta autora que “foi capaz de alzar a voz e falar de moitas cousas das que, na súa época non se atrevían a falar nin homes nin mulleres” .