A Xunta de Galicia lanza a campaña Por outros tantos máis coa que o Goberno galego busca promover o coidado do patrimonio cultural da Comunidade autónoma. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita ao Mosteiro de San Salvador de Camanzo, en Vila de Cruces, coincidindo co inicio desta iniciativa.
Así, tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, o obxectivo desta acción é “fomentar a sensibilización e concienciación da cidadanía, impulsar o coñecemento sobre estes bens e incentivar as boas prácticas e iniciativas de preservación que permitan que un dos maiores tesouros de Galicia sexa legado ás xeracións vindeiras nas mellores condicións”. Para iso, a Administración autonómica elixe oito bens patrimoniais da Comunidade que representan a gran riqueza patrimonial de todo o territorio con exemplos de diferentes tipoloxías, estilos, épocas e zonas.
En concreto, a campaña difunde imaxes de bens como a Catedral de Santiago de Compostela, o Santuario de Santo Andrés de Teixido en Cedeira, a Muralla romana de Lugo ou o Mosteiro de San Pedro de Rocas en Esgos. Aparecen tamén o Castro de Viladonga en Castro Rei, os petróglifos do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, os Muíños do Folón e do Picón no Rosal ou a Igrexa da Veracruz no Carballiño.
“A campaña é un recordatorio dos anos e séculos que levan estes elementos entre nós axudando a construír a nosa identidade como pobo”, afirmou Román Rodríguez antes de engadir que serve tamén como chamamento “á responsabilidade colectiva para impulsar a sensibilización e evitar comportamentos incívicos que, aínda que son illados, poden danar o noso patrimonio cultural”. Entre eles atópanse 781 Bens de Interese Cultural (BIC), así como milleiros de bens catalogados.
Esforzo conxunto
“A conservación do patrimonio é unha tarefa compartida que require tamén dun esforzo conxunto da sociedade”, precisou o conselleiro. Neste senso, explicou que o mantemento dos bens patrimoniais, ademais da Xunta de Galicia, conta coa implicación dos diferentes concellos ou deputacións provinciais e tamén se teñen dedicado numerosos fondos europeos ou partidas do Goberno estatal a través do 1,5% cultural.
No caso concreto do Goberno galego, o lanzamento desta campaña encádrase no esforzo feito ao longo dos últimos anos para protexer, poñer en valor en divulgar o noso legado artístico e cultural como un símbolo de orgullo, identidade e riqueza para o país. Neste senso, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades mantén unha política decidida a favor da salvagarda dun dos recursos con maior valor histórico, cultural, e turístico Galicia a través plans estratéxicos como o Plan Catedrais, o Plan de actuacións arqueolóxicas, o Plan de BIC do Camiño de Santiago ou o Plan Ribeira Sacra, así como diversos plans directores para bens concretos.
Así o reflicten os 55M€ dedicados a este fin no último lustro ou as case 130 intervencións que está a executar a Consellería de Cultura con intervencións como as licitadas recentemente para actuar na capela da Illa de Cortegada, en Vilagarcía de Arousa; na igrexa de San Martiño de Salcedo, en Pontevedra, ou na capela da Soidade da Venerable Orde Terceira, en Lugo, ou como os convenios autorizados onte polo Consello da Xunta para intervir nas igrexas de San Salvador de Noalla, de San Cibrao das Viñas, e de Santo Tomé de Ancorados, da Estrada.
Última fase
Unha destas actuacións impulsadas polo departamento autonómico é a levada a cabo no Mosteiro de San Salvador de Camanzo, en Vila de Cruces, cun investimento de case 300.000€ para dotar ao conxunto de seguridade estrutural e facilitar a visita pública ao monumento e na que faltan só os últimos detalles.
En concreto, a intervención contemplou a conservación e mantemento dos sistemas construtivos, a reparación do deterioro causado pola humidade, labores de limpeza e a restauración da casa reitoral e da viña. O proxecto complétase coa reparación das carpinterías e dos edificios auxiliares e co inventario dos elementos, obxectos, aveños e pezas de interese etnolóxico, histórico, artístico e relixioso.