lunes. 06.01.2025

'Mesturas' é o título dunha exposición plástica, asinada polo pintor Manuel Cerviño de Bueu, creador mesmo que iniciara a súa traxectoria pictórica nunha época na que, por motivos de traballo, estivo na Illa de Ons, pois ademais de artista, a súa faceta está relacionada coa xardinería botánica, na actualidade, no Pazo de Lourizán.

Comeza a súa andaina pictórica no 1998 con debuxos e, ao ano seguinte, dá o paso aos pinceis, sempre movéndose a través da mirada realista. As cafeterías e os centros culturais, preto da súa contorna, foron os primeiros en amosar o seu traballo plástico, entre eles a Praza Massó de Bueu; o Ateneo Santa Cecilia de Marín; o Muelle Deportivo de Sanxenxo ou mesmo a Capela do Hospital de Cangas do Morrazo, ademais dalgún que outro galardón: o I e II premio por "A mamá e a imaxe corporal" e "O lado feminino da vida", outorgados por ADICAM no 2012 e 2013, respectivamente.

En meses aínda recentes, mostrou a obra no Pazo dos Marqueses de Mos, do século XVI, un conxunto de obras, óleo sobre lenzo, en distintos formatos: "Cegoñas", "Gaivotas", "Flamencos", "Elvira e Esther", "Corda con mexillóns", "Praia de Cesantes", "Castro de Santa Tegra" ou o "Algarve portugués".

IMG20250103193358
IMG20250103193358

A Casa dos Lemos de Chantada presentou onte, día 3, as telas co título "Mesturas", así como dará a coñecer aos chantadinos o libro recentemente saído do prelo "Ti, a miña grande obra".

No acto da presentación, acompañado polo poeta das terras chantadinas de Mariz, Paco Ledo, e igualmente a pintora Olga Bernardo, que se desprazou a Chantada desde Riocaldo, en Lobios. Non quixo perder o acto o empresario de Caballero de Viana, alma máter da Taberna, onde se creou o movemento Bravú, tres décadas atrás.

A obra de Manuel Cerviño chega a Chantada coa exposición 'Mesturas'
Comentarios