viernes. 22.11.2024

A Xunta celebrou no Museo do Mar de Vigo a fase final da modalidade de danza moderna do programa Xuventude Crea 2022, á que chegaron seis participantes que amosaron a súa arte enriba do escenario. O primeiro premio foi para Saray Alonso Amorín e Pablo Vázquez Durán, de Gondomar, pola súa obra Salgadura. En segundo lugar quedou a peza Mar sen varanda, do grupo Greas conformado polas mozas Inés Santos Acuña e Sofía Rodal Alén de Santiago e Vigo. E a terceira posición recaeu na moza canguesa Alexia Piñeiro Segura e a súa obra Aorta.

O gañador recibirá unha gratificación de 3000 euros, 1500 o segundo clasificado e 1000 o terceiro. Así mesmo, na fase final desta especialidade do Xuventude Crea tamén participaron outros tres grupos: María Lucía González Castro e Loaira Sánchez Lázare, de Ponteareas, coa súa obra Víscera ou os ocos da dor; a moza ferrolá Claudia Fusté Zaragoza con Sentires dunha viveza e Llui Castro Vilches, de Vigo, con Always and forever.

Máis de 4000 participantes

Desde que hai trece anos tivo lugar a primeira convocatoria do Xuventude Crea, xa son máis de 4000 os mozos e mozas de entre 16 e 30 anos participantes e preto de 3000 os proxectos creativos e obras presentadas a este certame. Na edición deste ano 2022 participan un total de 350 artistas con 280 obras que, de novo, contarán con apoio por parte da Xunta de Galicia para dar a coñecer as súas creacións. Compre destacar, ademais, que todas aquelas premiadas ao longo dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recen estreado: www.museoxuventudecrea.gal

As disciplinas que se premian nesta edición son: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprende as modalidades de pintura e escultura). Cómpre destacar, como novidade neste 2022, o cambio de nome de graffiti a arte urbana para dar cabida ás diferentes expresións neste ámbito, así como a inclusión da modalidade de música clásica dentro de música.

Os mellores artistas en danza moderna no marco do programa Xuventude Crea
Comentarios