No marco das celebracións da “Noite Galega das Persoas Investigadoras 2024. G-Night”, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), organiza esta tarde unha conferencia titulada «O metro patrón calculado por un galego do século XIX». O evento, que terá lugar ás 19:00 horas na sede de Afundación en Santiago, será impartido polo matemático Xabier Pérez Couto, investigador da Universidade da Coruña. A charla enmárcase nas actividades de homenaxe a José Rodríguez González, nomeado “Científico Galego do Ano” pola RAGC.
José Rodríguez González, coñecido como o "Matemático de Bermés", foi un dos científicos máis destacados de Europa no século XIX. Nado en Lalín en 1770, destacou en múltiples disciplinas, como as matemáticas, a astronomía ou a xeometría. Un dos seus logros máis importantes foi a participación na expedición internacional que mediu o meridiano de Dunkerque a Barcelona, unha medición fundamental para o establecemento do metro como unidade de medida. Rodríguez enviou desde París á Universidade de Santiago un metro en cobre subdividido en milímetros, que se conserva hoxe na facultade de Física da USC.
Segundo Pérez Couto, "José Rodríguez pode considerarse o primeiro científico galego moderno", non só pola súa contribución ao sistema métrico, senón tamén por demostrar que a Terra está achatada nos Polos, tal como predixera Isaac Newton.