O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, recibiu en Santa Clara á artista greco-exipcia Farida El-Gazzar e confirmou que será unha das participantes da recuperada Bienal de Arte. Durante a súa visita, a artista percorreu, da man de Domínguez, as instalacións do Convento de Santa Clara.
A XXXIII Bienal de Arte de Pontevedra, que regresa despois de 15 anos, terá lugar na Boa Vila entre o 15 de xuño e o 30 de setembro de 2025. "Esta edición situará a cidade do Lérez no epicentro internacional da arte contemporánea e será tamén un importante revulsivo económico para toda a provincia", asegurou o vicepresidente provincial. Baixo o título "Volver a ser humanos... Ante a dor dos demais", a Bienal atraerá a artistas destacados como Francesc Torres e Farida El-Gazzar, que esta semana foron confirmados por Rafa Domínguez, e a moitos outros de relevancia internacional. Promoverá o intercambio cultural con propostas artísticas innovadoras, ofrecendo un espazo para a experimentación e a creatividade, e integrando á cidade no evento, fomentando a participación e o desfrute da arte por parte de toda a veciñanza.
Farida El-Gazzar naceu en 1975 en Alexandría, Exipto, pero está afincada en Atenas (Grecia). Foi cofundadora do equipo creativo WARDA. Formouse na Escola de Arte e Deseño Vakalo de Atenas, así como na Universidade de Kingston de Londres e no Royal College of Art da mesma cidade británica. Ten realizado residencias en Bahréin e O Cairo, e recibiu numerosos premios. Ademais, a súa obra foi exposta en cidades de todo o mundo como Nova York, Miami, Londres, Dubai, O Cairo e Atenas.