O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este martes na presentación do traballo Dicionario da nova literatura galega (86 voces responden un inquérito, 1969), de Xesús Alonso Montero, que conta co apoio da Xunta. O ensaísta e académico iniciou este proxecto en 1969 cunha enquisa enviada a 86 autores galegos nados como tales despois de 1939 coa intención de determinar cantos deles se adheriran á causa de escribiren, en maior ou menor medida, en lingua galega. Máis de 50 anos despois, a Xunta e Xerais recuperan este traballo en forma de libro prologado polo crítico e escritor Ramón Nicolás.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou que se trata dun “documento excepcional para coñecer a nosa historia literaria recente, para agradecer o esforzo dos escritores e escritoras que mantiveron aceso o facho da literatura galega en tempos máis difíciles e sentirnos, asemade, orgullosos do camiño percorrido en pouco tempo cara á normalización da literatura en lingua galega e cara á incorporación masiva de mulleres ás nosas letras”.
Canda Valentín García, tamén participaron neste acto no compostelán Pazo de San Roque, Francisco Alonso Villaverde, director editorial de Edicións Xerais; Ramón Nicolás Rodríguez, editor literario do libro, e o autor deste, Xesús Alonso Montero.
50 ANOS DESPOIS
Dicionario da nova literatura galega comezou a fraguarse a finais da década dos anos 60 do século pasado a través dunha enquisa que o profesor Xesús Alonso Montero distribuíu entre persoas do mundo literario galego que non tivesen obra publicada antes de 1936. En total, 86 persoas responderon aquelas preguntas ideadas por Alonso Montero que permiten coñecer multitude de datos biográficos e, ao tempo, deseñan as preocupacións e expectativas dun tempo moi concreto da nosa historia literaria e cultural.
Este singular dicionario posibilita preguntarse que cambiou na cultura galega nestes últimos 50 anos e engade, ademais, unha rica e valiosa documentación bibliográfica e epistolar, alén doutros documentos de interese para reconstruír percorridos biográficos e literarios concretos.
ALONSO MONTERO
Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) é un dos ensaístas máis importantes da Galicia das últimas décadas. Presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017 e catedrático emérito de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, o seu labor como escritor, tradutor e conferenciante fai del un dos intelectuais máis recoñecidos e premiados do panorama galego.
A súa copiosa produción científica abarca os ámbitos da sociolingüística, a historia, a teoría e a crítica literarias e tamén a literatura comparada. Libros como O que cómpre saber da lingua galega (1969) ou Informe(s) sobre a lingua galega (presente e pasado) (1991) son imprescindibles para comprender a realidade idiomática e cultural galega da última metade so século pasado.