O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, participaron hoxe na aula CEMIT de Porto do Son na presentación da campaña AgasallaNós de doazón de voz para o Proxecto Nós. Trátase dunha iniciativa que a Xunta de Galicia lanza xunto coa USC e que permitirá recoller a variedade fonética e dialectal de Galicia para permitir que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas do galego.
No acto, o representante autonómico destacou que a finalidade desta campaña é “crear un rexistro o máis variado posible”. Para iso, tal e como explicou, é preciso contar cunha gran cantidade de xéneros, idades e variedades dialectais que axude a “ampliar e enriquecer o rexistro do noso patrimonio oral e asegurar un maior perfeccionamento desta tecnoloxía”.
O obxectivo é acadar as máis de 1000 horas de gravación precisas para que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas
Para conseguilo, no día de hoxe recolleranse mostras vocais de xeito presencial na proba piloto habilitada na aula CEMIT de Porto do Son, que estará aberta ata as 20,00 horas. Ademais, pode facerse tamén de xeito telemático a traves do novo espazo web doagalego.nos.gal creado para esta iniciativa, na que está integrada a ferramenta Common Voice, a aplicación de referencia a nivel mundial para a recollida de voces para o seu uso en materia de tecnoloxías lingüísticas. “Con esta campaña queremos acadar as máis de 1.000 horas de gravación que son precisas para garantir que o recoñecedor de voz funcione sen problemas”, precisou o conselleiro.
As mostras vocais poden rexistrarse telematicamente a través da nova web doagalego.nos.gal onde a cidadanía pode atopar todas as instrucións
“Estou seguro de que a resposta será todo un éxito e que xuntos avanzaremos nun proxecto de país, darémoslle voz á tecnoloxía e traballaremos polo benestar do galego na sociedade presente e do futuro e nova realidade tecnolóxica”, engadiu Román Rodríguez. Neste senso, agradeceu a implicación da Universidade de Santiago de Compostela nesta campaña, así como a colaboración de todas as universidades públicas no desenvolvemento do Proxectos Nós, o apoio tecnolóxico da Amtega, cuxo director estivo tamén no acto de hoxe, e o compromiso de María Baqueiro, xestora do Proxecto Nós, e os profesionais da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades neste proxecto “chamado a abrirlle ao galego as principais portas da economía global dixital”.