O pasado fin de semana, o sábado 14 de setembro, A Cañiza rendiu homenaxe ao pintor, escultor e anatomista máis universal, tamén nomeado Fillo Predilecto da Cañiza, na celebración dos 27 anos da formación da súa Casa Museo, no ano 1997, e dos 18 anos acollendo visitantes.
Un acto especial celebrouse na Praza Maior, presidido pola arquitectura do Museo, no que o "Realismo NAS", que impregna gran parte da súa obra, cobrou un especial protagonismo. O Concello colaborou na súa organización.
O alcalde Luis Piña e concelleiros do Goberno acompañaron a Diego de Giráldez na tarde deste 14 de setembro, nun acto no que tamén estivo presente o Delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e numerosas personalidades do mundo da cultura, moi especialmente o seu gran amigo Gerardo Pérez Calero, Catedrático de Arte da Universidade de Sevilla e gran coñecedor da súa obra.
Non faltou o folclore e a tradición musical galega, presentes este sábado, que ensalzaron o acto coa interpretación dun pequeno repertorio de pezas galegas e corais. Veciños e amigos sumáronse a este acto para honrar toda unha vida de traballo adicada á creatividade.
Na rolda de intervencións, o alcalde Luis Piña agradeceu "a contribución impagable ao legado cultural e artístico da Cañiza do artista máis universal. Un pintor de renome, creador do Realismo NAS, que por méritos propios e polas súas excepcionais cualidades alcanzou hai moitos anos un lugar dentro da pintura contemporánea española".
A Casa Museo de Diego de Giráldez inaugurouse o 2 de maio do ano 2007 cunha colección que daquela contaba con 250 obras e 1500 metros lineais de exposición distribuídos polas innumerables salas do que fora cuartel da Garda Civil da Cañiza. Actualmente, o seu Museo ocupa unha edificación de máis de 1000 m² e 5 plantas de altura, situado no corazón do casco urbano da Cañiza, na Praza Maior.
Nestes 27 anos, a extraordinaria obra de Diego de Giráldez foi crecendo, enriquecéndose e fortalecéndose en cantidade e excepcionalidade.
O acto deste fin de semana rematou cun percorrido polas 5 plantas deste Museo cheo de arte, no que se poden apreciar as distintas etapas e estilos, así como a evolución como artista de Diego, dende a súa etapa infantil ata hoxe. Paisaxes, bodegóns, retratos e moitas composicións "NAS" mestúranse con maestría e brillantez.