A Xunta de Galicia impulsa o coñecemento e pon en valor a riqueza e variedade dos ritos e recitados infantís a través da serie audiovisual As brincadeiras da lingua, realizada pola coñecida compañía teatral Migallas, ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, que o Portal da Lingua Galega ofrece desde hoxe, coa posta a disposición para as familias, de balde, do primeiro dos capítulos que a integran: Caricias no colo.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou o proxecto acompañado por María Campos e Carlos Yus, “dous grandes dinamizadores da lingua galega entre a cativada”, aos que lles agradeceu “unha importante achega ao repositorio de recursos destinados á infancia e á transmisión interxeracional do galego, tanto na familia como no ensino, e que destacamos precisamente estes días con motivo da celebración do Día Internacional da Lingua Materna”.
BRINCADEIRAS
A partir de hoxe e cada xoves, en horario de tarde, difundirase nas canles deste departamento da Xunta a serie de dez audiovisuais que compoñen o proxecto As brincadeiras da lingua, realizados por Migallas Teatro para o Fondo Xacobeo 2021. As divertidas pezas teñen como obxectivo dar a coñecer a enorme riqueza e variedade de ditos e recitados infantís que existen na lingua galega e que acompañan desde hai séculos as brincadeiras da cativada e dos membros maiores da familia cos máis pequenos e pequenas.
Cada capítulo está dedicado a un tipo de ditos consonte a súa función: caricias no colo, para xogar coas mans, para abanear e cabalgar, para durmir e espertar, recitados dialogados, para acompañar xogos, para facer bromas, oracións de risas, disparates e trabalinguas. En todos eles, Migallas Teatro anima a gozar practicando estas brincadeiras que foi recollendo ao longo dos anos na páxina web www.orellapendella.gal.
O DOMINGO DESDE O GAIÁS
O primeiro capítulo das brincadeiras inclúese na sección especial que o Portal da Lingua Galega ofrece desde onte con motivo do Día Internacional da Lingua Materna, que a Xunta celebra este ano dándose cita, mediante streaming, con todas as familias galegas o propio domingo, 21 de febreiro, desde o Gaiás, con presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e da man dunha representación da peza Puño, puñete, a cargo de Baobab Teatro. Poderase seguir en aberto e de balde entre as 11 h e as 12 h.