A Xunta salienta que a Base Topográfica Urbana de Galicia servirá de modelo para elaborar as especificacións desta ferramenta cartográfica do resto de España, segundo avanzou hoxe o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, durante a súa participación por videoconferencia na comisión territorial do Consello Superior Xeográfico (CSX).
Durante a súa intervención, De Salvador, puxo en valor o traballo que vén realizando a Xunta neste eido coa aprobación das especificacións da Base Topográfica de Galicia (BTG) e da Base Topográfica Urbana de Galicia (BTUG), “pioneira a nivel estatal”, ao mesmo que se segue a traballar na adaptación ás normas europeas aconselladas pola directiva INSPIRE, que define unha serie de normas técnicas e protocolos que promoven a estandarización dos datos xeográficos e do traballo con eles.
De feito, Galicia é a primeira comunidade autónoma que ten aprobada e en funcionamento a BTUG, que, xunto coa BTG, constitúen as normas técnicas de produción de cartografía en Galicia.
Cómpre lembrar que as bases topográficas do territorio son o produto cartográfico máis importante para a xestión do territorio. O xeito de elaborar este elemento descritivo do entorno no que os gobernos aplican a súas políticas é fundamental para que poida ser utilizado na maior parte das aplicacións necesarias o seu manexo.
No IET decidiuse producir esta cartografía utilizando o mellor modelo de datos posible en canto a súa interoperabilidade e capacidade para recoller todos os datos observables do territorio.