A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos didácticos dirixidos a escolares, o xoves 16 e o venres 17, ás 11.00 horas no Auditorio de Galicia. E o sábado, ás 18:30 horas, repetirase a actuación para o público familiar. A batuta dos tres concertos levaraa o mestre Maximino Zumalave, director asociado da RFG. Os máis pequenos terán a oportunidade de desfrutar co Romeo e Xulieta de Shakespeare e música de Serguéi Prokófiev, xunto aos monicreques da compañía Per Poc.
O concerto do sábado
visibilizará o traballo de Agadea, a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos
con Demencia tipo Alzhéimer. Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto RFG Solidaria, co que se apoian diversas
causas a través da música. Neste caso as entradas custan
5 euros, cun bono
familiar de 15 € (4 entradas polo prezo de 3). Esta promoción non será
aplicable para as entradas vendidas por internet. Para obter este desconto deberá efectuarse a compra das
entradas nos depachos de billetes do Teatro Principal ou do Auditorio de
Galicia.
MOI VISUAL
“Cada
historia ten o seu monicreque” din desde a compañía Per Poc e, por iso, traballaron
oito anos para crear este espectáculo. Segundo eles mesmos sinalan, buscaban “uns
bonecos capaces de loitar con forza, bailar con graza, amar con tanta dozura
como paixón, angustiarse cando o destino xira en contra, ter e perder a
esperanza, matar, morrer...”. Así, chegaron a uns monicreques xigantescos
(entre os 2 e os 4 metros de altura) e lixeiros, cuxas texturas e cores
prevalecen sobre a expresión facial. Nalgúns momentos son seres dun soño e
noutros dun pesadelo e, sobre todo, son moi dinámicos, capaces de marcar o
ritmo e a tensión dos feitos que conducen ao tráxico final.
Trátase
dunha proposta moi visual, onde
orquestra, música, actores e monicreques interrelaciónanse. Dos 52 temas da
partitura de Prokófiev, elixíronse 15 para este espectáculo, aqueles que mellor
axudan a entender a historia. Así
mesmo, elaborouse unha breve adaptación do texto para narrador que consigue
explicar os acontecementos e as emocións que moven a cada un dos protagonistas,
para o que se contará como narradora coa actriz galega Marta Lado Ínsua.