O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta fará partícipes a todos os ourensáns da obra colectiva que supón a nova sede da Biblioteca Pública do Estado, cun concurso de ideas que lanzará para elixir o seu nome, que quedará para a posteridade.
Durante a inauguración, na que tamén estivo o ministro de Cultura e Deporte, Feijóo aseverou que para os galegos as bibliotecas son unha especie de pequenas Galicias nas que se produce o diálogo constante que existe no noso pobo. “Tanto en Galicia como nas bibliotecas hai unha rica diversidade. Tanto en Galicia como nas bibliotecas, culturas e idiomas enriquécense entre si, lonxe de polémicas artificiais”, dixo, subliñando que a Atenas galaica sigue viva como lugar de encontro e reencontro.
Ao fío disto, recordou que Ourense foi chamada a Atenas galega por ser aquí onde brillaron os pensadores máis senlleiros da galeguidade. “Desde aquí irradiaron a toda Galicia o desexo de que a nosa cultura recibira as influencias das grandes correntes europeas, e tamén desde Ourense crearon un afluente cultural que desembocou no pensamento europeo”, explicou, ao que engadiu que bibliotecas como esta teñen o don de proporcionarlle inmortalidade a todos aqueles que abriron e abren as nosas mentes.
Feijóo resaltou que logo da colocación da primeira pedra no 2003, finalmente a cidade e a provincia contan cun espazo no complexo cultural de San Francisco, que supón un incremento do 300% de superficie útil, en relación co vello emprazamento na rúa do Concello, e ao que se trasladaron 160.000 libros, 16.600 documentos audiovisuais e máis de 4.000 revistas e xornais.
En relación co vello emprazamento na rúa do Concello, o responsable do Executivo autonómico destacou, malia o precario desa instalación, o crecemento constante de visitantes e usuarios que desminte o agoiro de que as bibliotecas son un vestixio do pasado sen lugar no futuro. Así, entre o 2016 e o 2018 houbo un incremento anual de case mil socios, un logro que atribuíu á rica oferta de actividades que abrangue a todas as idades, e se diversifica en varios formatos.
Logo de afirmar que esta biblioteca que se está a inaugurar xa está instalada no mañá e proxéctase ao exterior para converterse nun factor de dinamización cultural, Feijóo concluíu lembrando que a Comunidade bautizou como Rede o seu sistema de bibliotecas; unha rede colaborativa na que interveñen diferentes administracións e onde a xestión e a titularidade combínanse sen problema algún.
Nesa rede están as bibliotecas de titularidade estatal situadas na comunidade, as 335 bibliotecas de titularidade pública local e 13 bibliotecas públicas e de titularidade privada, ademais de canalizar axudas como as que este ano se destinan á dotación de novidades editoriais en galego en formato físico, e tamén á mellora das coleccións bibliográficas.