O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Estación de tren de Ourense a exposición itinerante 100% María Casares. O teatro é o refuxio promovida pola Xunta de Galicia no marco da conmemoración do centenario da actriz.
Durante o acto de presentación, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a importancia desta mostra que está a permitir que se divulgue a figura e legado da actriz por todo o territorio. “María Casares foi unha das grandes imaxes do teatro galego, español e europeo e esta mostra permitiralle a todo o mundo coñecela máis e darlle á artista a visibilidade que merece”, expresou Anxo M. Lorenzo.
Así mesmo, o director xeral de Cultura lembrou que esta iniciativa enmárcase na programación que durante todo este ano está levando a cabo o Goberno galego para homenaxear a María Casares no seu centenario cun amplo abano de actividades que inclúe exposicións, conferencias, proxectos escénicos e audiovisuais, entre outras propostas.
Comisariada por Arancha Estévez Lavandeira, a mostra arredor de cinco grandes paneis situados en forma de estrela. Impresos por ambas caras, tratan diferentes temáticas arredor de María Casares, tanto de carácter persoal como profesional que inclúen a súa familia, a Segunda República e os primeiros lugares de residencia da actriz: A Coruña e Madrid. Tamén se afonda no exilio a París, na súa experiencia na gran pantalla, na relación con Albert Camus e na súa entrega ao teatro.
O percorrido continúa pola madurez da artista, o seu retorno a España nos anos 70 e o seu legado e recoñecementos. O panel elixido como epílogo, Con Galicia quero estar en desorde…, céntrase na conversa de María Casares, dous anos antes da súa morte, co escritor e xornalista Manuel Rivas en París.
Tras o seu paso polas principais rúas de Santiago de Compostela, Ferrol, Vigo e Lugo. Agora poderá visitarse na cidade das Burgas ata o 2 de outubro e, a continuación, seguirá o seu percorrido ata Pontevedra, onde rematará a súa itinerancia o 2 de novembro.
FESTIVAL DO TEATRO GALEGO
Ademais de inaugurar a mostra sobre María Casares, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, tamén participou hoxe na presentación do 33º Festival do Teatro Galego. Trátase dunha cita que se celebra desde o ano 2006 e que arrancará o vindeiro martes no Carballiño coa representación de A Maruxaina do Arenteiro a cargo da compañía Barafunda. Rematará o venres 9 coa obra Mentres dure a canción, de Producións Dispersas, na Insua dos Poetas.
Ademais, no marco deste festival entregaranse os Premios Fetega Dorotea Bárcena que recoñece o labor dos artistas e profesionais do teatro e en catro categorías: mellor actor, mellor actriz, mellor espectáculo e premio de honra.