A directora de Turismo de Galicia, Nava
Castro, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, forman
parte dunha delegación que está a acompañar aos representantes das empresas
Incargo e Remolcanosa na localidade
irlandesa de Cork para avanzar na posta en marcha dunha liña marítima que unirá
Vigo con Plymouth, no suroeste de Inglaterra, cunha parada anterior en Cork.
A Xunta e a Autoridade Portuaria de Vigo
apoian así a posta en marcha desta nova liña que estará pensada, ademais de
para transportes, para viaxeiros en ferri de Galicia ás Illas Británicas e
tamén en sentido inverso, polo que suporá un impulso importante para dinamizar
as relacións comerciais e tamén turísticas entre Galicia e Irlanda.
O irlandés é o sétimo mercado internacional na comunidade galega, por detrás de Portugal, Alemaña, EEUU, Italia, Reino Unido e Francia. No que levamos de ano contabilizáronse preto de 49.000 viaxeiros procedentes deste país. No eido do Camiño de Santiago, é o oitavo país do que proceden máis camiñantes sumando xa, no que vai de ano, preto de 7.000 peregrinos.
Aproveitando as sinerxías da viaxe, tanto Nava Castro como Enrique López Veiga reuníronse tamén con responsables da área económica do concello de Cork e do Condado onde presentaron o destino Galicia e da cidade de Vigo. Con esta viaxe dáse continuidade ao apoio demostrado nos últimos meses cando a empresa responsable desta liña presentou o proxecto á Xunta o pasado mes de outubro.