sábado. 12.04.2025

Dende este venres, 11 de abril, e ata o luns 28 de abril, Luns de San Telmo, Tui converterase no epicentro da exaltación do meixón, un produto singular e de gran tradición na cidade. Sete establecementos ofrecerán, previa reserva, este prezado manxar na Festa do Meixón 2025.

O evento gastronómico foi presentado este mediodía no Mercado de San Antonio polo alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Comercio e Turismo, Ana Núñez, representantes dos sete restaurantes participantes, dos viveiros Angulas Río Miño e Delicias del Miño, e da adega Quiñóns da Insua.

A concelleira Ana Núñez subliñou que “o meixón é memoria, sabor, tradición, é a nosa identidade”, destacando a súa escaseza e o seu valor simbólico na cultura local. Ademais, explicou que a imaxe da festa deste ano recupera a estética dos carteis dos anos 70.

Uxío Benítez, de Angulas Río Miño, resaltou a importancia de visibilizar este recurso do río Miño, que xera e debe seguir xerando riqueza na zona, e pediu ás autoridades medidas valentes para a súa preservación.

Miguel Rodríguez, cociñeiro do Parador de Turismo, incidiu na necesidade de coidar o río para protexer o meixón, e cualificou a festa como unha reivindicación do coidado do Miño.

O alcalde Enrique Cabaleiro cualificou o evento como “singular e especial”, en liña co carácter da cidade, e eloxiou a “elite da cociña tudense e galega” presente nos restaurantes participantes. Subliñou que o meixón é un produto “moi identitario” e que a festa é un acto de reivindicación da identidade local, da hostalería e dos produtores e pescadores, sumándose á petición de protección do río Miño.

A Festa do Meixón comeza este venres e permitirá degustar este manxar do Miño ata o 28 de abril en sete restaurantes de Tui: 4Elementos, Casa Pote, El Molino, Emma Tapas & Brunch, La de Manu, O Novo Cabalo Furado e o Parador de Tui, cun prezo de 80 € previa reserva. A presentación contou coa colaboración da adega tudense Quiñóns da Insua.

Festa do Meixón en Tui: Degusta este manxar por 80 € dende o 11 ao 28 de abril
Comentarios