A conmemoración do 150 aniversario do nacemento de Antonio Palacios chegou hoxe á cidade de Madrid coa inauguración da mostra “Madrid metrópoli. El sueño de Antonio Palacios”. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, desprazouse á capital para participar na apertura desta homenaxe ao ilustre arquitecto porriñés, que poderá visitarse ata o 6 de xullo no CentroCentro.
A exposición percorre o legado de Palacios e a súa profunda influencia na paisaxe urbana de Madrid a través de máis de 150 pezas, entre planos, debuxos, acuarelas, libros e fotografías que amosan o Madrid que ideou e construíu o arquitecto.
Este acto reforza os lazos históricos entre Galicia e Madrid, unha conexión que o propio Palacios comezou a tecer hai máis dun século e que tivo un recente episodio na irmandade celebrada no Porriño. Alejandro Lorenzo volveu coincidir co alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, para exaltar a figura deste célebre porriñés que uniu ambas localidades coa súa obra.
“Palacios non foi só un arquitecto brillante, foi un home con raíces profundas, que levou a alma da nosa terra a cada recuncho desta cidade. Con granito do Porriño e talento galego, axudou a construír o Madrid que hoxe admiramos. E nese granito está impreso o carácter da nosa xente: firme, humilde e loitadora”, remarcou Alejandro Lorenzo, engadindo que “O soño de Antonio Palacios é tamén o meu soño: o de ver como un porriñés universal sigue unindo a Porriño e Madrid a través do tempo”. De xeito anecdótico, Lorenzo lembrou a Martínez-Almeida que “compartimos caseiro; pois os dous concellos, o de Madrid e o do Porriño, son obras do mesmo ilustre arquitecto e quizais por iso nos entendemos tan ben, porque ata as nosas casas consistoriais falan o mesmo idioma”. O alcalde do Porriño finalizou a súa intervención animando a seguir o exemplo de Palacios “soñando ao grande, construíndo xuntos e honrando ao mellor das nosas terras”.
Un percorrido polos eixes arquitectónicos de Palacios en Madrid
Comisariada por Javier García-Gutiérrez Mosteiro e Julián García Muñoz, a exposición ofrece un exhaustivo percorrido polos proxectos de Antonio Palacios en Madrid. A mostra explora a súa intervención no eixe Maior-Sol-Alcalá, onde deixou iconas como o Círculo de Belas Artes e o Palacio de Comunicacións (hoxe Cibeles), a súa contribución á transformación da Gran Vía con edificios como o Matesanz e os hoteis Alfonso XIII e Florida, e a súa pegada no eixe Prado-Castellana co Hospital de Maudes. Un espazo destacado dedícase ao seu papel crucial na imaxe do Metro de Madrid, deseñando estacións e o seu icónico logotipo. A exposición conclúe cunha mirada aos proxectos non executados de Palacios, como a reforma da Porta do Sol.
Para achegar a exposición ao público, ofrécense visitas guiadas gratuítas para diferentes tipos de público, que poderán reservarse a partir de mañá no portal web palacios.reservaspatrimonio.es.