viernes. 22.11.2024

Unha vintena de escolares de Ponteareas participaron na colocación de caixas-refuxios na contorna do río Tea, que servirán aos morcegos para o seu descanso diario, a cría e a hibernación.

Esta iniciativa foi deseñada pola concellería de Medio Ambiente do Concello de Ponteareas, que dirixe Rosa Covelo, no marco do proxecto CON_CIENCIA_TEA. Un dos obxectivos desta campaña é “mellorar o coñecemento da Rede Natura 2000 e do seu hábitat para conservar o bosque de ribeira no Río Tea, así como as especies autóctonas cun grao maior de ameaza, como son os morcegos forestais”, segundo indicou a concelleira nacionalista.

Da man do persoal técnico que conduciu a actividade, as mozas e mozos do primeiro curso de educación secundaria descubriron que os morcegos son cruciais controladores de pragas dos cultivos e forestais, ao alimentárense de avelaíñas. Así mesmo, son controladores de vectores de enfermidades, debido ao gran número de mosquitos que consomen. En base aos beneficios que supoñen para a sociedade, todas as especies europeas están protexidas pola lei, o que non evita que teñan problemas graves de conservación, chegando algunha delas a atoparse en risco de extinción.

Rosa Covelo destacou que “a participación da cidadanía é un dos piares deste proxecto, xa que axudará a fomentar o coñecemento científico sobre especies de interese, así como un uso adecuado e respectuoso coa contorna da ribeira do Tea. Involucrar a poboación máis nova é o mellor xeito de manter vivo o orgullo polo noso patrimonio natural”.

Os morcegos da contorna do río Tea xa dispoñen de caixas-refuxio para o seu descanso,...