A Biblioteca Pública Municipal de Tui avanza na súa programación de actividades cunha sesión de contos para os usuarios máis cativos deste centro bibliotecario. Así este xoves, 30 de setembro, ás 18,00 horas chega ao centro bibliotecario o espectáculo 'Levántate Xan, contos para bebés' de Caxoto. Trátase dunha sesión multidisciplinar na que, a través da palabra, da música en directo, do xogo e da complicidade das familias, lévase ás crianzas a unha aprendizaxe do mundo animal, da lingua e dos sons.
O espectáculo estará a cargo de Felipe Díaz, “Caxoto”, contacontos galego cunha ampla traxectoria na animación á lectura en Galicia e noutras partes de España, participando en numerosos festivais de narración oral.
Unha viaxe chea de contos, cantigas e xogos na que os bebés se deixarán levar polo ritmo das palabras e o sabor da música en directo. Un espectáculo para bebés de 8 meses en diante e ata os 3 anos de idade, acompañadas/os dunha persoa adulta.
Cómpre inscrición previa ben directamente na propia Biblioteca ou a través do correo electrónico [email protected]
É hora de deitarse na granxa. Xan revisa que todas as tarefas estean feitas: fixo os deberes, limpou os dentes, fixo pis, puxo o pixama... e marchou para a cama. Pero esqueceu algo moi importante: DARLLES A CEA AOS ANIMAIS!!!
Ao día seguinte, o galo érguese cedo como cada día para espertar o sol, pero ten tanta fame que non pode cantar! E todo o mundo sabe que se o galo non canta, o sol non se levanta, e se o sol non se levanta, Xan nunca espertará e non lles dará de almorzar. Que desastre!
Historias, xogos e cantigas en que os animais da granxa son os verdadeiros protagonistas.
Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, con esta nova proposta de animación á lectura a Biblioteca Municipal tudense continua avanzando na súa programación arredor do “Mes do libro” cun abano amplo de propostas para todas as idades que contribúan a facilitar un achegamento ao mundo do libro e a lectura dun xeito divertido e que busca a consolidación dos hábitos lectores entre a poboación tudense.