O Concello de Tui outorgará os Premios Cidade de Tui 2025 á “Sociedad Tuy Salceda. Asociación Mutual, Cultural y Recreativa” de Bos Aires, na categoría colectiva, e a Manuel e María Teresa Vázquez de la Cruz, na individual de forma ex aequo.
O acto de entrega terá lugar o vindeiro sábado, 19 de abril, ás 18.30 h no Teatro Municipal, no primeiro día das Festas de San Telmo.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta que o premio á Asociación Tuy-Salceda recoñece unha vella débeda de gratitude das e dos tudenses a este colectivo. Desde 1917 traballan, na capital arxentina, na axuda mutua e na promoción da cultura galega, cunha gran dedicación. Ao longo dos anos a inicial “Casa Tui” sumou ás agrupacións de Salceda e outras localidades galegas, conformando na actualidade un dos principais grupos da colectividade galega en Arxentina.
Por outra banda, o rexedor tudense sinala dos irmáns Manuel e María Teresa Vázquez de la Cruz a súa destacada traxectoria profesional, pero sobre todo a súa gran dedicación á promoción da cidade, que suscita a estima dos tudenses.
Amais neste evento entregarase un recoñecemento de forma póstuma a Javier Añoveros Trias de Bes, Javier Sánchez de Dios, e Xosé Martínez Tato.

Os Premios Cidade de Tui foron creados polo Concello en 2021 para recoñecer anualmente o labor daquelas persoas e entidades que teñan realizado unha achega de carácter exemplar á vida local ou teñan contribuído coa súa traxectoria á promoción de Tui.
Nestes anos foron recoñecidos no eido colectivo a Residencia San Telmo das Hermanitas de los Ancianos Desamparados, SOS Tomiño – Baixo Miño, a Radio Municipal de Tui e a Asociación de Amigos da Catedral de Tui. A nivel individual foron entregados a Silverio Rivas, Alberto Romero “Romer”, Juan Carlos García-Valdecasas Salgado e Susana Esteban.
Recoñecementos
-
Asociación Tuy Salceda de Bos Aires
A “Casa Tuy, Asociación Mutual, Cultural e Recreativa” foi fundada o 20 de maio de 1917 na cidade de Bos Aires, presidida por José San Martín Fernández, coa finalidade de axudar aos tudenses alí residentes e ser, ao tempo, o seu lugar de encontro. En 1954 adquiriu a súa actual sede na rúa Maza 457.
En xaneiro de 1976 a “Casa Tuy” e o “Centro del Distrito de Salceda” acordaron fusionarse dando orixe á actual “” con sede na capital arxentina.
Esta Sociedade foi de sempre a depositaria da cultura e a historia de Tui e Salceda como canle para afondar nos lazos de amizade entre os seus asociados e descendentes. Para iso promoveron e seguen promovendo diversas actividades sociais arredor dos eventos de carácter local: as festas de San Telmo, patrón de Tui, de San Xoán, patrón de Galicia en Bos Aires, a Virxe da Concepción de Salceda, a Virxe da Rocha de Caldelas así como os aniversarios e diversos almorzos campestres ao longo do ano. Tamén este colectivo destacou, ao longo da súa traxectoria, por axudar a todos os emigrantes deste territorio que o precisaron.
O 9 de xuño de 1984 incorporouse a esta Sociedade a “Asociación de Caldelas de Tui” (fundada en 1922) e no ano 1987 integrouse a “Asociación Galicia en Bos Aires” -resultado da fusión previa das sociedades de Chantada, Becerreá e Carral-, que se integra con todo o seu patrimonio social e material, incluído o campo recreativo de San Isidro. “Tuy Salceda” ten realizado unha intensa actividade social e cultural a través do seu grupo de baile e a súa escola de gaitas e numerosas outras iniciativas.
A institución, que conta con 400 socios, hoxe que a inmigración está só en libros de historia e o recordo de socios lonxevos, en “Tuy Salceda”, resalta o presidente da Sociedade Horacio Saltarelli, búscase “compartir o legado galego coas novas xeracións para que sintan como propia esta cultura, máis aló da súa orixe”.
A “Sociedad Tuy Salceda” logo de máis de cen anos de vida continua sendo unha referencia obrigada para os tudenses e os galegos da Arxentina, conservando a memoria da emigración da comarca naquelas terras, mantendo viva a ligazón con Galicia e os concellos e segue contribuíndo, na medida das súas posibilidades, á creación dunha comunidade tudense.
-
Manuel e María Teresa Vázquez de la Cruz
Manuel Vázquez de la Cruz (1936) transcorre a súa infancia entre o barrio de San Bartolomeu e Ribadelouro, lugares aos que segue sentindo como propios. Inicia os seus estudos no Seminario e logo os continúa no Instituto Laboral de Tui. Cursa os estudos de Perito e logo Enxeñeiro Técnico Agrícola en Madrid, dedicándose profesionalmente ao mundo da agricultura. Comeza o seu percorrido laboral na empresa SA Cros, traballando posteriormente noutras empresas e tamén para a FAO. O seu traballo profesional céntrase no campo, especializándose en temas como o kiwi, aguacates, fertirrigación, etc.
Ten colaborado en numerosos medios de comunicación sobre temas profesionais pero tamén, especialmente, sobre temática tudense. El Pueblo Gallego, La Noche, El País e moi especialmente no Faro de Vigo no que colaborou máis de trinta anos.
Fundador do colectivo “Levada Livre” que dedica especial atención á recuperación da memoria histórica local e que ten promovido iniciativas como a recolocación da estatua de Sócrates ou a intervención na “Volta da Moura”. Ten participado en innumerables iniciativas vinculadas á cidade de Tui, como por exemplo, a Feira Agrícola e Industrial nos anos noventa do pasado século. O seu contaxioso entusiasmo por esta cidade leva a que sexa unha personalidade estimada polos veciños de Tui.
María Teresa Vázquez de la Cruz (1934). Estudou na cidade, no Colexio da Milagrosa, e logo Dereito, primeiro por libre e despois na Universidade de Santiago de Compostela con excelentes cualificacións. Completou a súa formación coa especialización en urbanismo na administración local, cun traballo sobre a relación do rural e urbano que tiña a Tui como referencia. Desenvolveu toda a súa vida laboral no Concello de Vigo, onde entrou por oposición aos 23 anos, ocupando diversos departamentos, sendo xefa da sección de urbanismo ata chegar á xefatura asesoría xurídica, onde se xubilou. Foi a promotora da asociación “Diálogos 90” que puxa desde hai 35 anos polo recoñecemento e valorización das mulleres a través do premio “Galegas destacadas” -que se entrega na conmemoración da morte de Concepción Arenal- sendo unha das primeiras apostas de carácter feminista en Galicia. Sempre mantivo viva a súa relación con Tui, cidade que sinala como imprescindible na súa personalidade.