A Deputación de Pontevedra conmemorou o Día Mundial da Xustiza Social entregando placas conmemorativas a 19 entidades sociais da provincia, beneficiarias do programa "Pontevedra, provincia +inclusiva". Unha inxección total de 115.000 euros que busca impulsar as condicións de seguridade e autonomía das persoas en 13 concellos de menos de 50.000 habitantes.
A deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, destacou que "é unha cuestión de xustiza social fomentar as políticas de inclusión e de benestar social, promover as condicións de seguridade e autonomía de todas as persoas para que poidan desenvolver actividades sen restricións e impedimentos, así como participar activamente na sociedade e usar e desfrutar os espazos e recursos".
As axudas, que oscilaron entre os 400 e os 10.000 euros, destinaranse a financiar obras de acondicionamento, reforma ou ampliación de espazos accesibles, a redacción de memorias de proxectos de accesibilidade, e a adquisición de sistemas inclusivos de comunicación ou axudas técnicas relacionadas coa mobilidade e o coidado persoal.

Entre as entidades beneficiarias atópanse:
- Asociación Parkinson de la provincia de Pontevedra (Bueu)
- Colexio Nuestra Señora de Fátima en Creciente Esclavas de la Virgen Dolorosa (Crecente)
- Asociación ASPADEZA (Lalín)
- Asociación para la Protección de los Ancianos de Lalín y Comarca (Lalín)
- Asociación Rapaces/zas e Amigos/as con Necesidades Especiais (Lalín)
- AFAMO (Moaña)
- Casa Santa María de la Esperanza Esclavas Virgen Dolorosa (Mos)
- Asociación Benéfica Social de Padres y Amigos La Esperanza del Val Miñor (Nigrán)
- Asociación de Padres de Personas con Discapacidad Intelectual de Vigo-ASPAVI (Pazos de Borbén).
A deputada Bastos subliñou a importancia da colaboración co tecido asociativo da provincia para "eliminar barreiras que impiden a participación plena de todas as persoas en igualdade de condicións na sociedade".