A Praza da Inmaculada de Tui converterase os vindeiros sábado 19 e domingo 20 de abril no epicentro da viticultura da raia coa celebración do IV Encontro de Viños da Raia. Doce adegas galegas e portuguesas participarán neste evento consolidado que promove o encontro e a colaboración entre pequenos produtores que apostan pola calidade, as castes autóctonas e a combinación de tradición e innovación na elaboración dos seus viños.
Este encontro, que coincide co inicio das Festas de San Telmo 2025, ten como obxectivo principal apoiar aos pequenos produtores da rexión, ofrecéndolles visibilidade e facilitando canles curtas de comercialización para os seus viños extraordinarios. Deste xeito, Tui busca promover unha economía máis sostible e poñer en valor o rico patrimonio vitivinícola local e transfronteirizo.
A inauguración oficial terá lugar o sábado 19 tras a lectura do pregón, dando paso a unha fin de semana repleta de degustacións, demostracións de cociña e catas comentadas na Praza da Inmaculada. Unha oportunidade para celebrar a calidade dos viños da raia e reafirmar o auxe do sector enogastronómico da zona, ofrecendo un atractivo turístico adicional á cidade.
Un total de 12 adegas ofrecerán as súas elaboracións ao público, incluíndo Corisca e Quiñóns da Insua (Tui), Edmund do Val (Valença), Sergio Álvarez, Adega Pateira, Jorge Marcote e Adega Xesteiro (O Rosal), Marcio Lópes (Melgaço), Adega do Ricón, Chan de Vide e Miguel Alonso viticultor (Arbo), e María Bargiela (Salvaterra). A oferta completarase con tres postos de comida con queixos, xamón, embutidos, tapas variadas, doces e as singulares vionkas, ideais para acompañar os viños. Os postos estarán abertos de 12:00 a 15:30 e de 20:00 a 23:00 os dous días.
Ademais, o edificio dos antigos Xulgados acollerá actividades paralelas. O sábado ás 18:30 celebrarase o II Concurso de Cata Amateur a cegas guiada polo sumiller Sebaristas, aberto a todo o público sen necesidade de experiencia previa. O domingo, o chef Javier Freijeiro do Restaurante Pracer ofrecerá unha demostración culinaria con maridaxe ás 12:00, seguida ás 18:00 dunha cata comentada sobre os viños da raia a partir do século XX a cargo do enólogo tudense Manuel Areal, e ás 19:30 da presentación “Vinhos do Atlântico” de Valença. A inscrición previa e gratuíta para estas actividades é necesaria na Oficina de Turismo debido ao límite de 70 prazas.
O cartel do evento simboliza a "raia" coas siluetas de botellas de viño entrelazadas, representando a unión e o camiño do produto a ambos lados da fronteira, realzado cunha cor dourada que evoca as almenas de Tui sobre un fondo azul que lembra o movemento do río Miño. En caso de choiva, o encontro trasladarase ao Mercado Municipal, manténdose as actividades paralelas nos antigos Xulgados. O IV Encontro de Viños da Raia ofrece unha oportunidade única para descubrir e degustar a riqueza enolóxica da raia os días 19 e 20 de abril.