sábado. 12.04.2025

O Porriño organiza unha viaxe gratuíta a Madrid para descubrir o legado de Antonio Palacios

O Concello do Porriño organiza unha viaxe gratuíta a Madrid para que a veciñanza coñeza a exposición sobre o legado arquitectónico de Antonio Palacios, ilustre veciño que deixou unha marca significativa na capital española. Esta iniciativa forma parte da conmemoración do 150 aniversario do seu nacemento, buscando unir O Porriño e Madrid a través da cultura e a historia.
Lorenzo saúda ao alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida.
Lorenzo saúda ao alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida.

 O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, asistiu esta semana en Madrid á inauguración da exposición “Madrid Metrópoli. El sueño de Antonio Palacios”, unha mostra que repasa a importante traxectoria arquitectónica do ilustre porriñés e a súa contribución á identidade visual da capital española. A exposición estará aberta ao público ata o 6 de xullo no CentroCentro.

Co obxectivo de achegar este legado á veciñanza, o Concello do Porriño, a través da Concellería de Turismo que dirixe Vanessa Ucha, organiza unha excursión gratuíta a Madrid. Esta iniciativa, que conta coa colaboración da Concellería de Cultura, Turismo e Patrimonio de Madrid e de Metro de Madrid, permitirá aos cidadáns do Porriño coñecer de primeira man a obra de Antonio Palacios.

A concelleira Vanessa Ucha destacou que “é unha oportunidade única para coñecer a fondo a dimensión e o legado dun dos grandes nomes da arquitectura do século XX, artífice dun Madrid monumental con raíces porriñesas”.

As prazas para a excursión serán limitadas e requirirán inscrición a través dun formulario que se habilitará nas canles oficiais do Concello. Nos próximos días, o Concello fará públicas as datas concretas das saídas, os prazos de inscrición e os detalles da viaxe.

Esta actividade forma parte do programa conmemorativo do 150 aniversario do nacemento de Antonio Palacios, que comezou o ano pasado. O alcalde Alejandro Lorenzo subliñou a intención de “tender pontes entre O Porriño e Madrid, amosarlles aos nosos veciños e veciñas o soño de Palacios e involucralos nesta celebración que une dous territorios a través da cultura e da historia”.

O Porriño organiza unha viaxe gratuíta a Madrid para descubrir o legado de Antonio...
Comentarios