sábado. 12.04.2025

O Concello do Porriño celebra a súa primeira Mostra da Camelia a vindeira fin de semana, os días 12 e 13 de abril, no Parque do Cristo. Expositores de toda a provincia achegarán os seus mellores exemplares, ofrecendo aos asistentes a oportunidade de admirar ducias de especies e variedades desta flor de orixe asiática.

A climatoloxía e a acidez do terreo das Rías Baixas favorecen especialmente o cultivo da camelia, unha tradición moi arraigada no Porriño, que conta con condicións idóneas para o seu desenvolvemento e curiosos exemplares das máis de 250 variedades existentes. Esta primeira mostra municipal dá continuidade á organizada durante a última década pola Asociación San Salvador de Torneiros.

A mostra abrirá o sábado de 16:00 a 20:00 horas e o domingo de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. O alcalde, Alejandro Lorenzo, invita a veciños e visitantes a gozar desta cita, “dar unha volta, compartir conversas e deixarse sorprender polo recendo destas flores”.

Esta iniciativa do Concello do Porriño, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, súmase ao calendario de feiras e exposicións dedicadas á camelia en Galicia neste ano 2025.

O Porriño florece coa súa primeira Mostra da Camelia este fin de semana
Comentarios