Chelo Pampillón decidiu, desde moi nova, dedicar a súa
vida ao teatro. Agora, tras 25 anos
ensaiando a centos de persoas, bota a vista atrás e rememora o labor feito como para coller novo pulo para outro cuarto de século. En Vigo e O Porriño, a
súa escola Atrezo é toda unha institución que axudou a moita xente, non só a
facer teatro, senón a resolver moitos outros problemas grazas á inmersión no grupo.
“Atrezo é algo moi importante. Son 25 anos da miña vida.
Algo que creei de cero. E, de súpeto, ves que es quen de conseguir que funcionase durante un cuarto de século. Atrezo
trouxo moita xente á miña vida...tamén a ti Roberto! E todos deixastes unha
pegada moi importante. Por iso Atrezo é moi importante para min”, explica unha emocionada directora tras
un evento con celebración no local de Vigo (Joaquín Loriga).
Agora anuncia que a segunda celebración vai ser en marzo,
no Día Mundial do Teatro. “Virá a xente que estivo hoxe e outros que non
estiveron hoxe e teremos uns contidos distintos”. No evento que acaba de rematar houbo baile,
houbo teatro... e, en marzo, tamén haberá teatro e unha exposición da historia
destes 25 anos de dedicación á dramaturxia amadora. “Reuniremos persoas que
agora están espalladas polo mundo adiante”, di con optimismo e alegría.
Preguntada polo máis complicado deste evento, contesta,
segura de si mesma: “Contarvos o nacemento de Atrezo. Porque, como vos dixen no
meu discurso, deime conta de que era a miña vida, que era unha parte
importante... Ás veces sentíame ben e outras pensaba que non sabía ata que
punto foi xusto para os meus amigos, para a miña familia, que eu lle dedicase tanto
tempo a este proxecto. Ás veces teño dúbidas”.
Pampillón ten moi claro o futuro. “Atrezo vai seguir
medrando. Teremos que ampliar ao andar superior. Espero que cando menos
continuemos... Si, aspiro a seguir... porque mellorar... Nestes 25 anos houbo
cousas moi boas, moi importantes e tamén gloriosos fracasos. Pero facendo
balanzo, todo me sae moi positivo”, di esta porriñesa.
Chelo Pampillón, se con algo se queda destes anos, é coas
persoas. “Pasaron tantas... Hoxe tiven sorpresas... A segunda persoa que se
matriculou en Atrezo, Diana Nogueira, apareceu neste aniversario cos seus
fillos. Olla que regalazo! As persoas son o máis importante de Atrezo”,
sentencia.
Ela dirixe os nenos ou os cativos con moita habelencia.
“Os nenos e nenas trátoos con moito agarimo. É curioso... Eu quéroos moito e
eles correspóndenme ou eu quero crer que me queren... Eu creo que me queren
porque lles esixo”.
Chelo conta de Sabela, que entrou con 5 anos e agora ten
8, como lles dicía aos seus compañeiros maiores –con gran xenerosidade- que se
querían axudábaos a aprender o seu papel.
“Isto é algo que creo transmitimos eu e tamén os demais”, deduce.
E o grupo, o colectivo. Chelo dicíalle a unha alumna:
“¿Vós sabedes o importantes que fostes para outra xente? Xente que viu con
problemas...”. A contestación é de total inconsciencia: “Quen? Nós?” E conclúe:
“É moi importante o grupo”.
A pesar destas consecuencias terapéuticas, o teatro para
esta porriñesa é unha arte. E para poder facer labor didáctico di: “Para que
eles che dean, ti tes que darte”. E reflexiona: “Ás veces son dura con eles... mais
explico que é por eles; que se lles esixo e porque sei que o poden facer. Os
alumnos ás veces responden que non son capaces, que non poden... Pero resulta
que despois poden con iso e son capaces. Entón, tes que ver esas caras... daquel
que levaba dicindo iso de non... Ti empéñaste... e eles son conscientes de cando
algo o fan ben e cando non. En cambio, se foron capaces de dicir o seu texto,
de sentilo, de transmitir como verdadeiros actores ou actrices... Hai que ver
as súas miradas”.
Pampillón é unha verdadeira
mestra de dramaturxia. Vive o mundo do teatro con paixón e, claro, transmíteo. Non hai dúbida tras asistir a este
aniversario.