A Casa das Peritas, na aldea de Mallas-Fisterra, acolleu o domingo a inauguración da exposición colectiva "Corpos", á que concorreron preto de cen visitantes. Natasha Lelenco, a comisaria, manifestou que a mostra "reflexiona sobre os corpos que habitamos e que nos habitan, abordando un tema central na historia da arte, desde a mirada contemporánea dos artistas participantes e desde as linguaxes da escultura expresionista de Aldonza, a abstracción vitalista de Llou ou a ollada ao corpo da muller de Inés Silvade ou os monicreques de Borja Ínsua". A Casa das Peritas, que data do século XIX e foi rehabilitada no 2012, agora é espazo de traballo dos creadores Natasha Lelenco e Tomás Lijó, ambos os dous impulsan o proxecto, a modo de galería ocasional, nesa casa situada na rúa central da aldea de Mallas, Fisterra, nas proximidades da Langosteira e dos dous espazos nos que se vai desenvolver a programación escénica, no mesmo núcleo. Tomás Lijó destacou na presentación que "esta é a sétima acción que realizamos desde que comezamos esta aventura no ano 2017, como acción ocasional que permite achegar á Costa da Morte propostas artísticas de calidade, pensadas con e para a comunidade local". A exposición ocupa as dúas plantas da casa e expándese fóra dela cunha instalación escultórica, ocupando máis de 100 metros cadrados do xardín e unha programación en colaboración co Concello de Fisterra que terá como espazos escénicos a Praza do Campo, o mércores 16, co Espectáculo Barriga Verde de Títeres Alakrán e o Lavadoiro da Fonte o sábado 19 co concerto de Marian.

A nova exposición pode visitarse ata o vindeiro domingo día 20, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas. Trátase da sétima acción desde que os dous artistas se embarcaron nesta aventura.