miércoles. 16.04.2025

As tradicionais e esperadas festas de San Telmo de Tui serán o escenario do inicio da primeira xira do prometedor artista tudense G Face. O cantante será o encargado de abrir a programación festiva cun gran concerto que terá lugar este sábado, 19 de abril, ás 23:59 horas no Espazo Feiral.

Baixo o título de “G Face na Casa”, o público poderá gozar dun espectáculo de case dúas horas de duración no que o artista estará acompañado por unha banda composta por catro músicos, dúas coristas, un corpo de baile dinámico e un toque especial de mariachis. G Face promete unha noite para cantar e bailar ao ritmo dos seus éxitos máis coñecidos, tanto en galego como en castelán, dende o pegadizo “Vaivén” ata a emotiva “Miña Rianxeira” e o seu recentemente lanzado “Mi luna”. A súa proposta musical abrangue unha gran variedade de estilos, nos que non faltarán ritmos latinos como a cumbia e a bachata. Todo isto arroupado por unha coidada produción que incluirá un impactante deseño de luces, efectos especiais e coreografías sorprendentes.

14042025 G Face Festas de San Telmo (2)
G Face,

O propio artista non agochaba a súa ilusión ante este importante paso na súa carreira, confesando que “comezar a miña xira, co primeiro concerto en Tui é un soño cumplido”. G Face recoñece a responsabilidade que supón abrir as festas de San Telmo, amosándose moi ilusionado ante o que describe como “un concerto moi especial e divertido, no que van pasar moitas cousas”.

G Face iniciou a súa traxectoria musical no ano 2021, chegando a editar once cancións no seu primeiro ano. No 2023 presentou o seu primeiro álbum, “Origen”, un dos seus proxectos máis ambiciosos ata o momento. En 2024, estreou o documusical “G Face na casa”, un proxecto audiovisual que incluíu cinco novas cancións en lingua galega. Agora, e tras o recente lanzamento do seu novo sinxelo “Mi luna”, o artista tudense comeza a súa primeira xira por Galicia, sendo a súa cidade natal, Tui, a primeira parada dun camiño que promete moita música e enerxía.

As Festas de San Telmo de Tui dan o pistoletazo de saída á primeira xira de G Face
Comentarios