No cemiterio de Soutelo de Montes, substituíuse a vella lápida do nicho de Avelino Cachafeiro por outra máis estética, cunha caricatura de Castelao e a lenda: «Aqui xace Avelino Cachafeiro, o universal Gaiteiro de Soutelo (1899/1972)». Na miña lembranza están tamén os dous rosaleiros exemplares, irmáns e gaiteiros, homes enraizados na súa terra e veciñanza, Miranxe e O Rosal, vencellados á gaita, ao ensino, ás asociacións, aos colexios e ás romarías.
Nomes significativos doutrora do triángulo Sur de Galicia, como Manuel da Ventosela e Ulloa, influíron na paixón de Emilio e Pepe Flores por converter a gaita no seu modo de vida. Hoxe forman parte da nómina de galegos ilustres, semellantes ao gaiteiro de Soutelo de Montes, ao de Penalta ou Mourillóns (Manuel Casto González, ao que Curros Enríquez dedicou poemas), e da mesma familia que Faustino Santalices, Ricardo Emilio Portela Bouzas (nado en Viascón), Xocas de Pazos de Borbén ou os herdeiros que hoxe espallan a cultura da gaita polo mundo, como Carlos Núñez, Budiño, Silvia Pato e mesmo Susana Seivane.
Ao calor do pote e cheiro a bagazo, Pepe en Novás e Emilio en Fornelos compartiron tardes e noites transmitindo os coñecementos da gaita adquiridos en tempos difíciles marcados pola Guerra Civil. Á beira da serpertín, iniciaron a rapazas e rapaces neste ambiente musical e aromático, os mesmos que despois formarían Verde Arboreda e se integrarían na Agrupación Musical, lembrando tamén a outros familiares e veciños xa ausentes que dedicaron tempo ao proxecto musical, como Francisco Flores ou Antonio Granja.
"Os Irmáns Flores. Os Gaiteiros de Novás", de Xerardo F. Santomé e Xosé Miguelez, é un libro para os amantes da gaita que recolle a cultura da gaitada en tempos difíciles e a traxectoria vital dos Flores de O Rosal.