Chelo Pampillón, directora de Fontevella Teatro,
emociónase ao falar destes veteranos actores e actrices algúns dos cales están
na década dos seus 80 ou 90 anos. É que forman parte da súa vida que comparte
con Atrezzo. Agora tamén Fontevella acaba de cumprir 25 anos. Diario
Luso-Galaico fala con esta directora-amiga o día da festa de aniversario trala
representación de A Condesiña do Balneario e enfundada na súa camisola
conmemorativa.
“Hai que ser moi valente a calquera idade para atreverse
a subir a un escenario. Aínda máis cando estes actores e actrices contan con
máis de oitenta ou noventa anos. Dedícanlles tanta paixón que contaxian. Entón
é imposible non querelos, non emocionarse...é imposible”, di Chelo a piques de
romper a chorar tras unha intensa tarde de celebración e teatro.
Na conversa sae unha persoa moi importante para
Fontevella e para Chelo Pampillón que xa non está con nós, Ana Santos.
“Ana Santos é unha amiga, unha alumna de moitos anos -24
anos estivo como alumna miña- e unha ‘escribidora de palabras’ e unha grande
persoa-amiga, moi soñadora...Unha enfermidade ‘puñetera’ levóunola o día 21 de xaneiro, despois de
loitar moito. Entón, como comprenderás, hoxe foi un día moi difícil para
nós...porque cada palabra lembrábanos a Ana. Ela escribiu A Condesiña do
Balneario, especialmente para nós. E tiñamos todo moi recente”, explica a
directora de Fontevella.
A dirección de Fontevalla é un reconstituínte para Chelo. “Dirixilos proporcióname
unha enerxía tremenda. A única maneira de entender isto é pasar con eles días
de ensaios e de actuacións. Posúen tanta enerxía, tanta ilusión, poñen tanta
paixón en todo o que fan...que contaxian”.
Chelo asegura que rifa con estes actores veteranos como
con calquera outro. “Eles lévano ben...Teñen claro que son a directora e ¡xa
está! Iso si, ás veces, resístense..., pero lévano ben. Non lles queda outra.
Asegúroche que eu non os trato de forma especial por ser maiores...Eu
lémbrolles que son actores e actrices no
escenario. Logo podemos entrar máis ou menos lentos porque estamos operados de
cadeiras ou porque temos 80 ou 90 e tantos anos, pero iso non quere dicir que
non teñamos que dar o 200% en cada actuación. Eu esíxolles isto”, di Chelo
cunha voz que dá a seguridade de que non pode ser doutra forma.
Para o futuro de Fontevella, a directora firma xa con que
“pase o que veu pasando todos este 25 anoa. Fontevella segue adiante porque hai
persoas novas que se van incorporando...E, déixame que pense...con 25 anos máis
eu aínda podo dirixir a compañía. Si, seguiremos dirixindo Fontevella”, afirma mentres
o seu optimismo rompe en risas.
E sobre quen ten axudado a esta supervivencia deste grupo teatral de veteranos, Chelo é tallante: “Ben, o grupo. Basicamente eles...algún político botou unha man...pero sempre escasa. Pero...hoxe estamos en día de festa”, di para aforrar críticas.
E volta: “Basicamente o grupo, xunto coa sorte de ter
detrás a Atrezo. Cada vez que falta algún actor ou actriz porque está enfermo
ou non pode vir...Non se cancela a actuación! Eu chamo e digo: necesito que...A
Damián, a Jessica, a Balbi,...a Michael que é home de cine que nos fai unhas montaxes
magníficas...Basicamente aos amigos...”. Isto é Fontevella, descansa no cadro
de actores e actrices doutro grupo que dirixe Pampillón que é Atrezo teatro.
Para os vindeiros tempos, esta directora porriñesa quere
“que sexan iguais que os 25 anteriores. Non pido máis! Desexo outros 25 como os
que rematamos de cumprir”. Ou sexa, que todo quede como está.
Chelo Pampillón é unha muller da farándula desde os 14 anos.
Nótase que desfruta co seu traballo. E,
no seu grande corazón, é capaz de
acoller a todos aqueles que dirixe máis alá do profesional.