O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participaron esta mañá nunha reunión por videoconferencia co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, para abordar o plan de colaboración para o cumprimento das medidas anticovid nos establecementos hostaleiros co obxectivo de levar a cabo unha reapertura progresiva e con tódalas garantías de seguridade.
Alfonso Rueda destacou a necesidade da coordinación para non dar pasos atrás e que o sector poida continuar coa súa actividade no marco do plan de reactivación segura e progresiva na hostalería, co fin de manter a máxima seguridade no acceso mediante a indicación do aforo máximo así como ante un posible gromo. Nesta liña, incidiu na necesidade de “protexer aos establecementos e a maioría dos clientes que son responsables e respectan as normas e, ao mesmo tempo, vixiar con este dispositivo a aqueles negocios e clientes incumpridores”.
Os concellos encargaranse de garantir o cumprimento das restricións vixentes nos negocios de hostalería coas súas policías locais e en colaboración co resto de forzas e corpos de seguridade. Deste xeito, reforzarase a vixilancia que xa están a levar a cabo desde comezos de ano o persoal da Dirección Xeral de Saúde Pública.
En concreto, os axentes velarán que o local ten exposto no exterior e nun lugar visible o aforo máximo permitido en base ás normas vixentes en cada momento polas autoridades sanitarias e que se respecta esa porcentaxe máxima. Ademais, controlaranse os horarios de apertura e peche e que tanto clientes como empregados respectan as medidas de prevención ante a covid-19 como a distancia de seguridade e o uso obrigatorio de máscara.
Por outra parte, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, tamén se reuniron con representantes do sector da hostalería para explicarlles o proceso para informar do aforo máximo mediante a descargar do cartel informativo na plataforma Turespazo, destinada á xestión dixital de todos os procedementos co sector.
O cartel incluirá a capacidade máxima no exterior e interior do local e a porcentaxe de uso e aforo permitido segundo a normativa vixente. Tamén estará dispoñible o código QR do establecemento, co que os clientes poderán acreditar a súa presenza mediante a aplicación Passcovid. Deste xeito, a súa localización será máis doada no caso de estar en contacto cun caso positivo nun local de hostalería. Alfonso Rueda aclarou que, se ben o seu uso non é obrigatorio, é necesaria a colaboración do sector e das administracións para estendelo o máximo posible en beneficio da saúde da cidadanía.
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, pola súa banda, referendou o compromiso do Goberno galego cos negocios máis afectados pola pandemia. Lembrou que o II Plan de rescate xa está convocado na súa integridade. Autónomos e microempresas dispoñen de prazo ata o 18 de marzo para cursar as súas solicitudes. Pola súa banda, os empresarios de establecementos de hostalería e outras actividades que tiveron que pechar o pasado mes de xaneiro poden cursar as súas peticións ata o 23 de marzo.
Lorenzana incidiu en que a tramitación das solicitudes poida equipararse en axilidade co primeiro plan de rescate, con pagos moi rápidos para os beneficiarios, que, nalgúns casos, ata chegaron antes de se rematar o prazo de solicitude. As ordes e o procedemento, segundo mostrou, deseñáronse para garantir esa operatividade.
A titular de Emprego e Igualdade, especificou por último, que a Xunta non desistirá de apoiar ao tecido empresarial, e outorgar o apoio económico necesario, sempre que se teñan que adoptarse medidas sanitarias que condicionen o seu normal funcionamento.