O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron unha xuntanza por videoconferencia cos representantes da hostalería en Galicia para revisar a proposta realizada pola Administración o pasado venres, sobre o establecemento dun modelo que garanta o acceso seguro as locais, independentemente da situación epidemiolóxica que teña cada concello. A esta xuntanza tamén acudiron a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.
No transcurso da reunión, Alfonso Rueda destacou que o obxectivo do Executivo galego é ter este novo modelo en funcionamento a principios de setembro. Ademais, informou que na reunión de hoxe, tamén se revisaron as suxestións feitas a semana pasada, unhas propostas ás que se engaden outras, e que terán que ser revisadas e valoradas, tanto polo comité clínico como polos hostaleiros.
Pola súa banda, Julio García Comesaña, indicou que haberá tres niveis e que os locais que cumpran un maior número de condicións, poderán manter uns aforos máis altos. Incidiu así mesmo en que se están a buscar criterios comúns para chegar a un consenso fundamental en todo o que teña que ver coas distancias, aforos, ventilacións e a utilización de xeles hidroalcólicos entre outros.
A Dirección Xeral de Sáude Pública lembra da importancia do uso da máscara e o mantemento da distancia social, sen esquecer que se debe manter a calidade do aire, seguindo a guía de boas prácticas de ventilación. Neste sentido, o conxunto de medidas que se aproben serán auditadas polo corpo de inspectores de Saúde Pública.
A Xunta de Galicia destaca a boa predisposición que hai por ambas partes para chegar a acordos sobre este tema.