O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o futuro complexo hoteleiro de Cabo Silleiro como un exemplo da aposta e defensa de Galicia pola súa paisaxe, historia, valores e gastronomía, ao tempo que contribuirá a seguir atraendo á comunidade un turismo sostible. “Isto a parte da propia beleza do conxunto arquitectónico e do seu emprazamento, despois hai que saber facelo con gusto, saber promocionalo e teño claro que vai contribuír a ir elevando ese nivel da oferta turística en Galicia, que xa é moi alto”.
O titular da Xunta referiuse así no acto de presentación da iniciativa privada de remodelación e rehabilitación dos faros grande e pequeno, cuxas obras comezarán a vindeira semana para convertelos nun complexo hoteleiro e gastronómico que prevé abrir as súas portas este verán. A este respecto, expresou o seu desexo de que esta idea se poida seguir trasladando a outros lugares de Galicia.
“Hai emprazamentos que terían unha utilización turística fantástica, respectando o entorno e poñéndoo máis en valor e cunha segunda vida tamén económica. Porque a costa hai que preservala pero na costa tamén hai que vivir e seguir creando riqueza”, asegurou.
Así, Rueda salientou o enclave “espectacular” no Val Miñor do proxecto presentado hoxe, o cal representará unha oferta turística atractiva para visitantes e peregrinos, ao formar parte do Camiño Portugués da Costa. Neste sentido, lembrou as boas cifras acadadas polo sector turístico da comunidade o pasado ano ao alcanzar o récord histórico de viaxeiros aloxados –superando os 6,7 millóns no acumulado ata novembro–, e avanzar tamén de xeito cualitativo ao consolidarse a desestacionalización, recuperarse o turismo internacional –que xa representa o 30%– e aumentar a rendibilidade hoteleira.
“Estou seguro de que este ano que comezou continuará ese fantástico 2023 que tivemos onde ese Camiño de Santiago que pasa por aquí diante tivo moito que ver, xa que tivo un crecemento espectacular, impensable cando este camiño empezou non hai moitos anos”, indicou.