O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, asistiu hoxe á reunión do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, onde indicou que xogan un papel fundamental no asesoramento ao Goberno galego e no intercambio de coñecementos científicos e culturais para potenciar aínda máis o Camiño de Santiago.
Alfonso Rueda subliñou que a Xunta leva moitos meses traballando para ter todo listo e acoller nas mellores condicións aos peregrinos, preparando e adecuando o Camiño a estas novas circunstancias, adaptando os albergues, mellorando as rutas e poñendo en marcha o seguro coronavirus para poder ter o mellor Xacobeo posible.
“A xente ten necesidade de viaxar, de respirar aire puro en espazos abertos e de deixar atrás os malos ratos da pandemia. Pero ten que facelo sabendo que o seu destino é seguro, para eles e para os seus. E Galicia é ese destino seguro, agora máis que nunca", dixo Alfonso Rueda.
O Camiño de Santiago é o principal elemento de atracción de visitantes a Galicia e antes da irrupción da pandemia marcaba cifras récord na chegada de peregrinos. En 2019, o Camiño alcanzou a súa cifra récord de expedición de Compostelas: 347.578, un 28% máis que no último Xacobeo 2010.
Eses bos datos están a recuperarse. De feito, esta semana agárdase recibir o peregrino número 50.000 do 2021. Nos últimos días foron expedidas máis do dobre de Compostelas das que se entregaron en todo o primeiro cuadrimestre do ano (7.064 esta última semana fronte ás 1.292 entre xaneiro e abril).
Forman parte do Comité de expertos o profesor na Univertità degli Studi di Perugia e presidente da Confraternita di San Jacopo di Perugia Paolo Caucci von Saucken; o profesor na Friedrich-Alexander-Universität Erlangen-Nürberg, Klaus Herbers; a directora de Investigación no Centro Nacional de Investigacións Científicas de Francia (CNRS-EHESS, París) e presidenta da Société Française des Amis de Saint Jacques de Compostelle Adeline Rucquoi; o responsable da Oficina de Acollida ao peregrino e profesor do Centro Agregado Teolóxico de Santiago de Compostela Segundo Pérez López; o profesor na Universitat Autónoma de Barcelona e director do Departamento de Arte e Musicoloxía, Manuel Castiñeiras; a profesora emérita de Historia da Arte e da Arquitectura na Universidade de Pittsburgh, Alison Stones; a profesora catedrática da Facultade de Letras de Coimbra (Portugal), María Azevedo, e o catedrático de Historia Medieval na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, Fernando López Alsina.