viernes. 22.11.2024
Teñen como obxectivo garantir a subministración de enerxía a longo prazo a Alcoa e o Grupo Cortizo

A Xunta declara iniciativa empresarial prioritaria 13 proxectos eólicos

Rueda explicou que esta medida enmárcase na Lei de simplificación administrativa de Galicia que contempla a declaración de iniciativas empresariais prioritarias, pensada para “proxectos empresariais que están chamados a ter un papel decisivo na economía galega”, pero tamén para algúns parques eólicos vencellados ao tecido empresarial.
Parque eoóico de Carnota.
Parque eoóico de Carnota.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello declarou hoxe iniciativa empresarial prioritaria un total de 13 parques eólicos distribuídos en tres provincias galegas promovidos por Greenalia Wind Power (11 proxectos), Iberdrola e Enel Green Power. “Van subministrar enerxía a longo prazo a Alcoa e ao Grupo Cortizo”, indicou.

Rueda explicou que esta medida enmárcase na Lei de simplificación administrativa de Galicia que contempla a declaración de iniciativas empresariais prioritarias, pensada para “proxectos empresariais que están chamados a ter un papel decisivo na economía galega”, pero tamén para algúns parques eólicos vencellados ao tecido empresarial.

Desde a Administración galega realizouse unha modificación lexislativa na Lei 5/2017 para engadir un novo requisito á hora de declarar como iniciativas empresarias prioritarias “proxectos con infraestruturas de evacuación en tramitación ou xa autorizadas cuxos promotores subscriban un acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo e a prezo competitivo cunha empresa con centro de traballo con actividade industrial no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, vinculado aos devanditos proxectos e ao centro de traballo determinado de que se trate, e garantindo polo menos o 50 % da súa produción de enerxía”.

Tanto no caso das industrias como nos parques eólicos, “a principal vantaxe” de ser declarados iniciativa empresarial prioritaria “é poder reducir á metade os prazos para tramitar os proxectos”, indicou Rueda.

Os trece parques que hoxe acadan esta declaración supoñen un investimento total de 380 M€ e unha potencia de 356 MW. Por unha banda, están os parques de Greenalia Wind Power: Monte do Cordal (Friol), Acevedal (A Pastoriza), Carballal (A Pastoriza), Restelo (A Fonsagrada, Baleira, Becerreá e Navia de Suarna), Monteiro (Baleira, Becerreá e Baralla) e As Louseiras (A Pastoriza e Meira), na provincia de Lugo; Felga (Oza-Cesuras e Aranga), Gato (Coirós, Oza-Cesuras e Aranga), Penas Boas (Oza-Cesuras e Aranga) e Coto Muíño (Vimianzo e Zas), na Coruña; e Lamas II (Calvos de Randín, Baltar e Os Blancos), en Ourense. Así como Serra do Colmo (en Becerreá e Baralla) promovido na provincia de Lugo por Enel Green Power. Todos estes parques teñen un acordo de compravenda de enerxía a longo prazo con Alcoa.

Por outra banda, o parque eólico Fial das Corzas (nos municipios de Laza e Vilar de Barrio, na provincia de Ourense) ten asinado un contrato de subministración de enerxía a longo prazo co Grupo Cortizo. Trátase dun proxecto promovido por Iberdrola de 49,5MW e que suporá un investimento de 37,82 millóns de euros por parte da compañía.

No caso destes parques procede a declaración por cumprir cos requisitos que fixa a normativa galega, pois Iberdrola e o Grupo Cortizo firmaron un acordo de compravenda de enerxía a longo prazo (PPA) por 10 anos a través do que o 50,35% da enerxía xerada no parque irá destinada a un prezo competitivo aos puntos de subministración e centros de traballo que Cortizo ten en Galicia. En concreto, en Padrón, Coirós, Lugo e San Cibrao das Viñas. Mentres que os restantes parques – de Greenalia e Enel Green Power- teñen asinado un acordo coa planta de Alcoa en San Cibrao.

No obxectivo de favorecer que as empresas poidan acceder a un prezo enerxético competitivo, o Goberno galego está promovendo a vinculación da tramitación de proxectos de enerxía renovable coa firma de contratos de subministración enerxética. Así, xunto coa figura da Iniciativa Empresarial Prioritaria, tamén se impulsou outro instrumento: a declaración da excepcionalidade doutros 13 parques eólicos de tramitación estatal pola súa entidade económica e social e a función vertebradora na economía galega. Proxectos vencellados a Alcoa, Resonac -antiga Showa Denko- e Sentury dos que, polo momento, o Goberno emitiu DIA favorable para sete -cinco vinculados a Alcoa, promovidos por Enel e que se suman aos oito aprobados pola Xunta; e dous de Resonac no marco da PPA que ten asinada con Greenalia-.

A Xunta declara iniciativa empresarial prioritaria 13 proxectos eólicos
Comentarios