O sector tecnolóxico galego xerou nos últimos cinco anos preto de 4.000 postos de traballo e pechou o 2023 con cerca de 23.000 empregos directos na Comunidade. O número de empresas tamén mantén un ritmo de crecemento constante nos últimos anos e suma 3.140, o que mantén á Comunidade no quinto posto da clasificación estatal. Son datos recollidos no informe do Observatorio da Sociedade da Información de Galicia (Osimga), “O Sector TIC en Galicia 2023”, publicado hoxe.
O documento do Osimga, entidade adscrita á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, sinala que o volume de facturación do sector TIC galego creceu no 2022 preto dun 14%, o que supón 450 millóns de euros máis e un total de 3.697 millóns de euros facturados. O valor engadido bruto (VEB) das empresas tecnolóxicas galegas en 2021 (ultimo dato dispoñible) foi de máis de 1.753 millóns de euros, o 2,7% do PIB galego.
TALENTO DIXITAL
Crece preto dun 8% a porcentaxe de traballadores con titulación universitaria STEM (especialidades formativas de Ciencias Naturais, Tecnoloxías, Enxeñarías, Informática e Matemáticas), nas empresas tecnolóxicas galegas, que pasa dun 39,3% a un 42,4%.
Aínda así, o 78,8% das empresas TIC galegas considera difícil ou moi difícil contratar novo persoal con formación en especialidades STEM.
TECNOLOXÍAS INNOVADORAS
O emprego das tecnoloxías innovadoras no sector tecnolóxico está encabezado pola Internet das Cousas (IoT) cunha porcentaxe do 36,5%. O Big Data ocupa xa o segundo lugar, cunha presenza do 35%, seguido da Intelixencia Artificial, que é empregada polo 29,5% das empresas TIC galegas.
Por outra banda, o 27,5% das tecnolóxicas galegas fai uso ou incorpora aos seus servizos recursos de Business Intelligence, un 24,8% emprega Chatbots e máis do 11% utilizou a impresión 3D no 2023.
Respecto á ciberseguridade, cómpre destacar o crecemento de empresas TIC galegas que oferta produtos ou servizos de ciberseguridade, que no ano 2023 foi do 27,6% (cun incremento do 12,2% respecto ao ano anterior).
COMERCIO ELECTRÓNICO
O 32,6% de empresas TIC venden os seus produtos a través do comercio electrónico no último ano, cun crecemento relativo do 21,2% sobre o ano anterior.
No 2023, o peso das vendas a través do comercio electrónico respecto ao volume de negocio das empresas TIC representou o 53,7%.
CONECTIVIDADE
Novamente, no 2023, a fibra óptica é a tecnoloxía de acceso a Internet máis contratada polas TIC galegas. As empresas que contratan esta tecnoloxía incrementáronse nun 3,5 puntos porcentuais e acadan unha porcentaxe do 76,1%.
Tamén se mantén a velocidade no último ano, cun 83,4% de empresas TIC con velocidade de conexión igual ou superior a 100 Mbps.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal