sábado. 27.04.2024
para potenciar o seu crecemento e diversificación con actividades como a eólica mariña

Rueda compromete o apoio do Goberno galego ao sector do metal

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a potentísima industria naval coa que conta Galicia e comprometeu o apoio do Goberno autonómico a este sector para seguir potenciando o seu crecemento e a diversificación da súa actividade. “Trátase dun sector estratéxico en España e, por suposto en Galicia, desde o punto de vista da produción, do emprego, da exportación, do movemento económico que supón tanto no que ten que ver co sector específico do naval como todo o que que se move arredor dun ámbito económico que incide noutros moitos”, asegurou.
O presidente da Xunta clausurou en Vigo o II Congreso Internacional Maritime Trends Summit organizado por Asime.

Rueda referiuse así durante a clausura do II Congreso Internacional Maritime Trends Summit organizado pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) co obxectivo de mellorar a competitividade do sector e ampliar a súa carteira de servizos. Neste sentido, o presidente da Xunta asegurou que “nun mundo tan competitivo como este e nun sector tan competitivo como o do metal, Galicia está enarborando a bandeira da calidade con moito orgullo e con certa vantaxe”.

O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, participa na clausura da segunda edición do Congreso internacional naval, marítimo e portuario  Maritime Trends Summit. Auditorio Mar de Vigo.
O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, participa na clausura da segunda edición do Congreso internacional naval, marítimo e portuario Maritime Trends Summit. Auditorio Mar de Vigo.

Así, e facendo referencia a unha das posibilidades de diversificación da actividade, o titular do Goberno galego asegurou que a eólica mariña supón unha gran oportunidade, salvagardando sempre a coexistencia de todas as actividades. “Hai que falar con todo o mundo e actuar dunha forma racional, cumprindo todas as normativas necesarias, respectando e sendo sostibles, xa que teremos unha enorme posibilidade de crecemento se o facemos ben”. Do mesmo xeito, indicou que “son miles os postos de traballo que xera agora mesmo, pero poden ser moitísimos máis no futuro”, polo que animou a unir vontades e esforzos para que Galicia se converta no hub do noroeste de Europa en eólica offshore.

Alfonso Rueda asegurou tamén que o tecido económico contará coa man tendida do Goberno autonómico, ao poñer como exemplo a inauguración o vindeiro ano da Oficina Económica de Galicia para “centralizar todos os trámites que teñan que ver coa Xunta”. Así mesmo, comprometeu o establecemento e reclamación das infraestruturas que lle corresponden a Galicia para axudar aos negocios e para “non quedarnos relegados de redes europeas fundamentais que nos fan moita falla”.

Do mesmo xeito, asegurou que os fondos europeos, supoñen unha gran oportunidade para dar impulso ao sector, polo que reclamou unha “verdadeira distribución” para que cheguen a todo o tecido asociativo.

FORMACIÓN ADAPTADA AO MERCADO

O titular do Goberno galego tamén fixo referencia na súa intervención á demanda existente de persoal cualificado no sector naval, un obxectivo ao que a Xunta pretende contribuír ofrecendo formación axustada ás demandas do tecido produtivo e o mercado laboral. “Seguiremos traballando para intentar axustar a formación que se ofrece, sobre todo desde o ámbito público, ás necesidades das empresas, por eficacia e para que vostedes teñan a man de obra que necesitan e incluso por non xerar frustracións en todos aqueles que queren formarse pero despois tamén queren atopar un traballo”, asegurou.

Así, este 2023 está a impartir estudos especializados a preto de 2.800 alumnos a través dun investimento de 1,2 M€. Do mesmo xeito, o Plan Galego de Formación para o Emprego 2024 destina máis de 117 M€ para continuar impulsando unha formación dual e flexible.

Rueda compromete o apoio do Goberno galego ao sector do metal
Comentarios