O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado da concelleira de Industria, Rosario Costas, destacou a importancia que supón para O Porriño e para toda Galicia o “dispoñer dunhas instalacións fabriles a gran escala de vacinas e outros produtos farmacéuticos de alto valor engadido”. Así o manifestou na súa visita á pranta do Grupo Zendal no municipio realizada esta mañá. O rexedor subliñou o papel “estratéxico” deste proxecto, “non só para a economía local senón para o ecosistema de saúde no marco post pandemia”.
Lorenzo, que foi recibido polo CEO da compañía, Andrés Fernández, quixo trasladar ao equipo directivo de Zendal o “impulso e apoio” da Alcaldía do Porriño e agradeceu ao grupo galego “o seu fundamental traballo durante a pandemia” e “a súa traxectoria empresarial nos seus casi 30 anos”, pero tamén o seu compromiso co “emprego de calidade que xenera valor no noso pobo e na comarca”.
Pola súa parte, dende Zendal explicaron ao responsables municipais varios dos eixos do seu plan estratéxico, a través do cal se está a facer un importante esforzo inversor para ampliar a súa proxección e capacidade produtiva. Un proxecto que nos últimos meses foi en aumento por medio da adquisición de novas filiais –como laboratorios Ovejero e o 46% de Maymó- e a ampliación e mellora das súas instalacións de fabricación, o que supuxo á vez un aumento do persoal, que actualmente ascende a máis de medio milleiro de persoas.