O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este xoves a declaración do proxecto de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei (Lugo) como proxecto industrial estratéxico para Galicia. A iniciativa, única en Europa e enmarcada dentro do Polo para a transformación de Galicia, é a cuarta que alcanza esta consideración, orientada a facilitar a súa tramitación administrativa. “Trátase dun proxecto innovador e ambicioso para producir lyocell, un tecido de alta calidade, máis ecolóxico cas fibras artificiais e cada vez máis demandado pola industria textil de todo o mundo”, subliñou Rueda, quen resaltou que “non hai ningún proxecto similar previsto en toda Europa”.
Sinala que se trata dunha iniciativa “única en toda Europa” que integra as plantas e polpa e lyocell e insta ao Goberno a aclarar se vai acceder a fondos europeos
“Cun investimento superior aos 800M€, estímase que o centro xere 2.500 postos de traballo directos e que xere sinerxías con outros sectores clave da economía galega, como o forestal e o téxtil”, resaltou o presidente. Está orientado á produción de fibras téxtiles coa previsión de acadar as 200.000 toneladas anuais de lyocell, un tecido de alta calidade que goza dunha implantación crecente na industria téxtil por representar unha alternativa ecolóxica ás fibras artificiais de orixe fósil.
Nesa liña, Rueda subliñou que para facer realidade este proxecto de vangarda é preciso que o Goberno “concrete” se esta iniciativa vai recibir financimento dos fondos europeos e resolva outros “aspectos sobre as instalacións eléctricas necesarias para o seu funcionamento”. Neste sentido, Rueda lembrou que o Consello da Xunta aprobou hai unhas semanas a planificación eléctrica que precisa Galicia para manter e poñer en marcha novos proxectos industriais e resaltou que xa se lle remitiu ao Goberno central para que a planificación sexa realidade canto antes, non esperar ao prazo previsto de 2029.
Resalta que o mercado das fibras celulósicas sustentable ten un alto potencial de crecemento porque “son máis ecolóxicas que as fibras artificiais” e teñen cada vez máis demanda no sector
O proxecto da fábrica que se vai instalar en Palas de Rei é o único destas características previsto actualmente en Europa e integra as plantas de polpa e lyocell, ademais de favorecer sinerxías con outras iniciativas en desenvolvemento no ecosistema galego. Agárdase un impacto dinamizador da zona ao priorizar a contratación de traballadores locais, contribuíndo ao obxectivo de fixar poboación no rural.
A declaración como proxecto industrial estratéxico enmárcase na filosofía da Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia que busca a captación de investimentos. Permitirá a redución á metade dos prazos -agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos- mantendo as garantías técnicas, xurídicas e ambientais.
Cun investimento superior aos 800 millóns de euros, a iniciativa prevé producir ata 200.000 toneladas anuais de lyocell
A planta conta con todos os requisitos para ser proxecto industrial estratéxico, xa que supera o investimento mínimo de 20M€ e a creación mínima de 100 postos de traballo
-Altri prevé xerar 2500 postos de emprego directo-. Ademais cumpre co requisito de que as iniciativas deben complementar cadeas de valor, pertencer a sectores estratéxicos ou que estean aliñados cos obxectivos da Unión Europea ou integrarse no financiamento dos NextGeneration.
A iniciativa súmase á declaración tamén como proxecto industrial estratéxico de H2Pole, o centro de produción de hidróxeno verde promovido por Reganosa e EDP Renovables nas Pontes; á de Sentury Tire para implantar unha fábrica de pneumáticos tamén neste concello coruñés; así como a planta de metanol verde en Mugardos de Forestal del Atlántico.