sábado. 23.11.2024

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, anunciou hoxe a contratación de arredor duns 1.000 novos docentes que se incorporarán ao sistema educativo galego este curso, entre as novas contratacións para atender aos desdobres de aulas e os dos programas de reforzo educativo.

En concreto trátase de 240 novos mestres que se van contratar para atender ás 158 novas unidades (grupos de clase) en Infantil e Primaria; outros 543 docentes de apoio (221 para Primaria e 322 para ESO) contratados a través do Programa ARCO de reforzo educativo; e unha contía aínda sen concretar de docentes para Secundaria, Bacharelato e FP (pendentes do peche de matrícula en setembro logo das probas de recuperación); que fan un total estimado que se achega ao millar de novos profesores.

Nunha visita ao CPI Cova Terreña (Baiona), a conselleira tamén explicou que, a día de hoxe, Galicia opta pola presencialidade nas aulas con todas as medidas de seguridade, aínda que hai que estar atentos á evolución da pandemia e ao que diten as autoridades sanitarias. “Hai que combinar a seguridade sanitaria cos obxectivos educativos básicos que, sobre todo en Infantil e Primaria, teñen moito que ver coa interacción escolar”, polo que “a presencialidade é fundamental, sobre todo para os máis pequenos, xa que a interacción forma parte da filosofía pedagóxica e da metodoloxía didáctica”, abondou a conselleira.

Polo tanto, o Protocolo -presentado o pasado mes de xullo- vai estar en constante revisión e “poder xurdir modificacións, xa que a situación sanitaria varía” . Precisamente neste contexto de actualización enmárcase a proposta do uso permanente de máscaras por parte dos nenos nas aulas, que Galicia elevará a Conferencia de Presidentes anunciada polo Goberno do Estado.

Carmen Pomar tamén anunciou que o seu departamento xa ten ultimado o Plan de Acollida de Saúde Emocional, elaborado por expertos médicos, que é unha guía de apoio ao alumnado, ás familias e aos docentes para afrontar o inicio dun curso no que, segundo dixo, “é necesario o reforzo curricular e o apoio emocional”.

Outra das liñas de actuación da Consellería que se ve reforzada é a formación do profesorado desde principios de setembro, tanto no ámbito da xestión dos recursos tecnolóxicos, como a formación específica para os 4.000 integrantes dos equipos covid dos centros escolares, esta última impartida por expertos do Servizo Galego de Saúde.

BAIONA

Na visita ao CPI Cova Terreña (Baiona), Carmen Pomar comprobou a organización que está levando a cabo o equipo directivo no que atinxe ao inicio da actividade académica así como no que atinxe aos servizos complementarios, como é o caso do comedor escolar, que xestiona a Anpa do centro.

Pomar loou o traballo desenvolvido a este respecto de acordo co Protocolo de adaptación ao contexto da covid 19 nos centros de Ensino non Universitario de Galicia para o curso 2020-2021, elaborado polas Consellerías de Educación e de Sanidade; e reiterou que o obxectivo co que traballa o seu departamento é cun inicio de curso coa máxima normalidade posible dentro do contexto actual e, por tanto, facendo fincapé en todas as medidas de seguridade hixiénicas e sanitarias que establece o propio Protocolo.

No que atinxe ao servizo de comedor escolar, cómpre lembrar que as normas establecidas no Protocolo da Xunta son as mesmas para todos os comedores independentemente de que o xestor do servizo sexa a propia Consellería, os Concellos ou as Anpas, como é o caso do CPI Cova Terreña.

Precisamente neste centro -que aglutina a nenos das etapas de Infantil, Primaria e ESO-, a conselleira fixo un especial recoñecemento ao traballo dos integrantes da Anpa do centro para ter todo xa ultimado de cara ao inicio do curso no que respecta a cuestións organizativas (de distribución de alumnado) como de hixiene, limpeza e desinfección, na liña do establecido no Protocolo.

Pomar anuncia a incorporación de arredor de 1.000 novos docentes ao sistema educativo...