O 72 por centro do alumnado presentado ás probas organizadas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para que acreditar o seu nivel de coñecemento lingüístico en inglés de acordo cos niveis B1, B2 E C1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL), obtiveron dita certificación. Así, do total de 2.681 alumnos e alumnas de 70 centros distintos que se presentaron á convocatoria do curso 2018-19, 1.540 superaron os exames que tiveron lugar o pasado mes de febreiro.
Esta é a segunda vez que a Consellería habilita un procedemento deste tipo para que todo o estudantado que finaliza os seus estudos da etapa de ESO, Bacharelato ou de Formación Profesional nalgún dos 423 centros que forman parte da Rede de Centros Plurilingües teñan a posibilidade de acreditar o seu nivel neste idioma estranxeiro a través dunhas probas que son totalmente gratuítas para as familias. Ademais, como novidade por primeira vez este ano, incluíuse a posibilidade de obter a certificación do nivel C1, para aquel alumnado que xa certificase o B2.
A primeira convocatoria deste tipo foi a correspondente ao curso 2017-18, cuxas probas se celebraron en dúas quendas, unha delas en xuño e outra no mes de novembro. Con estas dúas convocatorias son xa case 2.500 o total de alumnado que obtivo o certificado completo (Speaking and Listening e Reading and Writing) de inglés por este procedemento.
Esta iniciativa enmárcase nas liñas establecidas na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, EDUlingüe 2020, que establece, entre outras accións, a habilitación de procedementos específicos para certificar o alumnado dos centros plurilingües ao final de cada etapa, ben a través das Escolas Oficiais de Idiomas (EOI), ou mediante entidades estranxeiras certificadoras, como é o caso destas probas. O obxectivo final é que o 30% do alumnado certifique un nivel B1 ao remate da ESO nun centro plurilingüe, e un nivel B2 ao final do Bacharelato.
Cómpre lembrar que o B1 equivale a un nivel intermedio, e é o que requiren moitas universidades para poder titular. Polo tanto estas probas supoñen a oportunidade de obter de balde unha acreditación da aprendizaxe en lingua estranxeira co aval dunha entidade certificadora de recoñecido prestixio como é o Trinity College.