sábado. 23.11.2024

Galicia pechou o ano 2019 coa taxa de abandono educativo temperá máis baixa desde que existen rexistros, un 12,6%. Este dato supón que o sistema educativo galego foi quen de reducir a súa taxa de abandono en máis dun 50% en só unha década, do 25,8% rexistrado no 2009 ao 12,6 de media do ano que vén de rematar.

Cúmprese así o obxectivo marcado para España pola Unión Europea (UE) para 2020, fixado nun 15%. Unha vez acadado este fito, Galicia continúa a traballar para avanzar máis aló.

O abandono educativo temperá defínese como a poboación entre 18 e 24 anos (ambos inclusive) que non completou o nivel de educación secundaria segunda etapa (Bacharelato ou FP de grao medio) e non segue ningún tipo de formación (regrada ou non regrada)

ACCIÓNS DE REFORZO


Cómpre lembrar que a Consellería de Educación leva anos desenvolvendo diferentes iniciativas para o reforzo e en prol do éxito escolar. Neste sentido cómpre destacar os contratos-programa, que arrincaron no curso 2011/2012 con 144 centros e que este curso chegan xa a 635 colexios e institutos. Este ano o orzamento para este programa ascende a máis de 5,2 millóns de euros, cos que é posible contratar a profesorado externo adicional para o desenvolvemento do programa, un total de 520 profesores e profesoras.

Cómpre salientar que este curso tamén se redefiniron as liñas de actuación dos contratos-programa co fin de axustalas ás necesidades máis actuais e prestando especial atención ao abandono e ao reforzo educativo. De feito, a liña 6 diríxese á Prevención do abandono temperán e do absentismo escolar, e ten como finalidade atender o alumnado con menor motivación para aprender, de xeito que se lle ofrezan respostas adaptadas ás súas posibilidades e aos seus intereses, para seguir avanzando na súa aprendizaxe, diminuíndo o risco de abandono ou desinterese.

Ademais hai 3 liñas específicas de reforzo educativo, en concreto a liña 1, REFÓRZA-T, que ten como obxectivo mellorar o rendemento académico do alumnado con dificultades de 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria, de 1º e 2º de educación secundaria obrigatoria e de formación profesional básica; a 2, de Mellora das competencias clave, centrada en traballar a competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, así como a competencia en comunicación lingüística en Primaria, ESO e FP Básica; e a 9, dirixida ao Reforzo de competencias clave en 3º e 4º de ESO, centrada nas devanditas competencias pero centrada nestes dous últimos cursos antes de obter o graduado escolar.

O departamento educativo da Xunta de Galicia acaba de poñer en marcha, ademais, un novo plan de reforzo das competencias do alumnado, ARCO, con accións que se desenvolverán dentro do horario lectivo e con tres liñas de actuación que desenvolverán axustes educativos dentro da aula ordinaria, co obxecto de favorecer a súa participación no grupo-clase e a consecución do máximo desenvolvemento emocional, intelectual, social e profesional de todo o alumnado.

A estratexia Edudixital, de impulso das vocacións STEM e da presenza das novas tecnoloxías nos centros; e o programa Edulingüe, para implantar o plurilingüismo no sistema educativo galego, son outras das accións implementadas nesta última década que incrementan o interese do alumnado e a súa permanencia no sistema educativo.

Ademais, a oferta de FP, cada vez máis atractiva, e a aparición da FP Básica, especialmente dirixida a evitar o abandono, son outros dos factores que contribúen de forma decisiva á redución da taxa de abandono temperá.

Galicia reduce á metade a súa porcentaxe de abandono educativo nunha década e pecha o...