viernes. 22.11.2024

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, reuniuse hoxe con representantes de organizacións sindicais do ensino non universitario e das asociacións de nais e pais para transmitirlles as medidas tomadas polo seu departamento para minimizar o impacto da crise do COVID-19 no sistema educativo galego.

Na xuntanza participaron representantes da Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos (CONFAPA Galicia), de ANPAS Galegas, e de CONGAPA, así como da Confederación Intersindical Galega (CIG), de Comisións Obreiras (CC.OO.), da Asociación Nacional de Profesionales de la Enseñanza (ANPE), da Federación de Servizos empregados e empregadas de Servizos Públicos da Unión Xeral de Traballadores Galicia (FeSP-UGT), da Federación de Sindicatos Independentes do Ensino (FSIE), da Federación de Enseñanza da Unión Sindical Obreira (FEUSO), do Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia (STEG), da Central Sindical Independiente e de Funcionarios (CSIF), e de Unión Sindical de Docentes de Galicia (USDG-CUT).

Os representantes sindicais e das Anpas trasladáronlle á Consellería as súas principais preocupacións, centradas nas dificultades que teñen moitos alumnos e docentes no acceso e na utilización das ferramentas dixitais. Neste sentido, apuntaron a necesidade de traballar nun plan de dixitalización educativa, tal e como se lle solicitou desde Galicia ao Ministerio nas dúas conferencias sectoriais, co obxectivo de estar preparados ante posibles repeticións desta situación no futuro.

A necesidade de dispoñer de instrucións claras para o terceiro trimestre foi outro dos temas nos que coincidiron todos os asistentes á xuntanza. Nesta liña, Carmen Pomar comprometeuse a publicar as instrucións coa máxima celeridade en canto o Ministerio publique a normativa correspondente, tal e como se fixo hoxe coa Formación Profesional. A conselleira lamentou non poder ofrecer polo momento instrucións máis concretas e insistiu na necesidade de que o Ministerio de Educación asuma as súas competencias e fixe uns criterios comúns para todas as Comunidades Autónomas que eviten desigualdades.

No referido á posibilidade de volver ás aulas, a conselleira reafirmou que considera positivo para a rapazada poder facelo, sempre e cando as condicións sanitarias o permitan, especialmente desde o punto de vista socioafectivo.

Carmen Pomar destacou tamén a relevancia de que as familias con dificultades para contactar co profesorado ou para acceder aos recursos dixitais o poñan en coñecemento da dirección dos centros educativos. Do mesmo xeito, insistiu en que os docentes que tamén teñan complicacións no acceso ou uso das ferramentas tecnolóxicas, deben contactar co Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e cos Centros de Formación e Recursos presentes en todas as cidades galegas.

Na xuntanza non se abordou a convocatoria das oposicións docentes, que, tal e como se anunciou, será tratado nunha mesa sectorial en vindeiros días.

Educación á espera do Ministerio para dar instruccións