A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta activou para hoxe a alerta laranxa por choiva no suroeste da Coruña e nas Rías Baixas, na provincia de Pontevedra.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso comezará nesta madrugada e agárdase nestas zonas unha precipitación acumulada en 12 horas de 80 mm. Ademais, no oeste da Coruña; no noroeste de Ourense; e no interior e na zona do Miño de Pontevedra, o nivel de aviso é amarelo con precipitacións acumuladas entre 40 e 70 mm.
Tamén está activa a alerta amarela por temporal costeiro en todo o litoral galego e por ventos en terra do suroeste de ata 80 quilómetros por hora no oeste da Coruña e na Mariña de Lugo.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.