O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que o Goberno galego está a analizar as 84 alegacións recibidas durante o período de información pública do anteproxecto da Lei de ordenación do litoral de Galicia co fin de estudar o seu contido e valorar a incorporación daquelas ideas e suxestións que contribúan a enriquecer o documento. Rueda resaltou que o gran número de achegas recibidas amosa “o interese” que está a xerar esta normativa “que será aprobada polo Consello e remitida ao Parlamento antes do remate desta primavera”.
Cómpre lembrar que o pasado 15 de decembro o Goberno galego acordou iniciar a tramitación da Lei de ordenación do litoral, unha norma que converterá Galicia na primeira comunidade en regular o litoral en toda a súa extensión e coa que se busca garantir o autogoberno pleno sobre a franxa costeira e a preservación dos seus valores, paisaxes e ecosistemas en equilibrio coa realidade socioeconómica destes espazos.
Como primeiro paso, a Xunta someteu o anteproxecto lexislativo a información pública e ao trámite de audiencia durante un mes, período que finalizou o pasado 20 de xaneiro cun balance dun total de 84 alegacións presentadas e unha ampla participación.
Dunha primeira análise destas achegas, segundo o informe analizado hoxe no Consello, Rueda resaltou que hai “un consenso xeneralizado” sobre que é “necesario dotar a Galicia dunha lei adaptada á realidade do noso territorio”.
En concreto, segundo o informe hoxe avaliado no Consello, o anteproxecto da Lei de ordenación do litoral recibiu suxestións e achegas por parte da Federación Galega de Municipios e Provincias e de concellos costeiros; de organismos da Administración estatal; das tres universidades galegas; da Confederación de Empresarios de Galicia, do Colexio de Arquitectos e de federacións deportivas, así como de entidades ambientais e cidadáns particulares.
Así mesmo, tamén se rexistrou unha notable participación por parte dos axentes do sector marítimo-pesqueiro —como confrarías de pescadores e asociacións empresariais da cadea mar-industria— que pola súa tradicional vinculación coa costa coinciden en sinalar a necesidade dunha lei feita en clave galega e que ofreza seguridade xurídica para favorecer os investimentos e o desenvolvemento económico da franxa litoral.
O presidente, que agradeceu todas as alegacións recibidas, resaltou durante a rolda de prensa algunhas das aportacións. Nesta liña, informou de que o secretario de Estado de Medio Ambiente “non alude en ningún momento ao articulado da lei” nas súas alegacións e que a “Demarcación de Costas do Estado non presentou ningunha”.
Ademais, Rueda subliñou que tanto a Fegamp como a maioría de concellos que participaron neste proceso “non poñen en dúbida as competencias autonómicas” na xestión do litoral; que o sector marítimo-pesqueiro “insta ao Estado a que deixe lexislar a Galicia” e demandan maior protagonismo das súas actividades no texto; que as entidades empresariais consideran “necesario e urxente” que a futura lei galega “achegue unha seguridade xurídica que non dá a normativa estatal”, ou que os representantes de entidades deportivas reclaman que se contemple a importancia deste tipo de actividades e a potenciación “do turismo náutico” na Comunidade.
En paralelo á información pública, a Xunta e o Observatorio do litoral de Galicia —que colaborou na redacción do anteproxecto— abriron nas últimas semanas unha rolda de contactos para dar a coñecer o texto entre os principais axentes implicados no litoral e animalos a facer achegas. Así, mantivéronse encontros con profesores e expertos das tres universidades, representantes dunha trintena de concellos costeiros, empresarios da cadea mar-industria e a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural de Galicia.
TRAMITACIÓN
Cómpre lembrar que desde que a mediados do pasado setembro se decidiu impulsar a primeira Lei de ordenación do litoral de Galicia, a Xunta traballou coa máxima axilidade, compromiso e eficacia para poder contar cun texto articulado en apenas tres meses e implicando á vez no proceso os principais axentes que interveñen sobre a costa co fin de lograr unha norma para todos os galegos e o máis consensuada posible.
De feito, a lei xerou desde o principio un grande interese como demostra que xa na fase de consulta pública previa —do 16 de setembro ao 17 de outubro— se recibiron 81 achegas e ideas por parte de concellos, particulares, asociacións e outras entidades.
Para seguir avanzando na tramitación da Lolga no menor tempo posible, esta semana a Consellería de Medio Ambiente xa se dirixiu aos departamentos autonómicos correspondentes para requirirlles os informes preceptivos sobre a lei e a finais de febreiro pedirá á Asesoría Xurídica Xeral e ao Consello Económico e Social que se pronuncien sobre ela.
A continuación, a norma volverase elevar ao Consello da Xunta para a súa aprobación como proxecto de lei en primavera, último paso antes da súa remisión ao Parlamento, onde se buscará chegar a acordos con todos os grupos da Cámara debido á transcendencia que ten para unha comunidade con 2.500 km de costa. Ademais, segundo anunciou Rueda, “a Xunta convocará en marzo a expertos no litoral doutras comunidades para analizar a lei”.