viernes. 22.11.2024

21,76 M€ en mellorar os medios materiais do servizo de prevención e extinción de incendios de Galicia

a Consellería contratará un total de oito helicópteros de tipo lixeiro destinados á loita contra os incendios forestais ata o ano 2026, por un importe total de 13,4 millóns de euros. En concreto, contratarase o servizo de seis helicópteros de extinción con dúas brigadas helitransportadas e outros dous helicópteros de coordinación cos seus técnicos correspondentes.
Entrenamento de axemtes na Escola de Capacitacion agraria de Sergude.
Entrenamento de axemtes na Escola de Capacitacion agraria de Sergude.

A Consellería do Medio Rural investirá 21,76 millóns de euros en mellorar os medios materiais do Servizo de prevención e extinción de incendios de Galicia, co fin de avanzar na loita contra os lumes forestais. Así, vanse a contratar un total de oito helicópteros para a coordinación e extinción de incendios, 15 vehículos motobombas e 12 batracios.

Así, a Consellería contratará un total de oito helicópteros de tipo lixeiro destinados á loita contra os incendios forestais ata o ano 2026, por un importe total de 13,4 millóns de euros. En concreto, contratarase o servizo de seis helicópteros de extinción con dúas brigadas helitransportadas e outros dous helicópteros de coordinación cos seus técnicos correspondentes.

A través desta nova licitación, a Consellería amplía o tempo de contratación anual dos helicópteros de extinción, pasando de 3,5 a 5 meses ao ano dispoñibles. Xunto co servizo destas aeronaves, tamén se contratan dúas brigadas helitransportadas compostas por un total de 12 persoas entre técnicos de brigada, peóns condutores, peóns e emisoristas. Neste senso, cabe aclarar que a Xunta dispón dunha brigada helitransportada propia para este tipo de helicópteros e prevese a creación doutras tres brigadas propias máis. En canto aos dous helicópteros de coordinación, o servizo tamén inclúe ata oito profesionais entre técnicos coordinadores e técnicos analistas de imaxes e vídeos. Estas dúas aeronaves empregaranse nas tarefas de vixilancia e coordinación dos medios aéreos durante os labores de extinción dos lumes que se producen na nosa Comunidade.

Desta forma, o Servizo de prevención e extinción de incendios forestais da Xunta disporá para a vindeira tempada de alto risco de incendios dun total de 18 medios aéreos, entre helicópteros de extinción e coordinación e avións de carga en terra. A estes súmanse os cedidos polo Goberno central ata completar unha trintena de aeronaves, ao igual que na época de alto risco deste ano.

MOTOBOMBAS E TRATRACIOS

Por outra banda, a Consellería destina 8,36 millóns de euros á compra dunha trintena de vehículos para o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, dependente da Dirección Xeral de Defensa do Monte, e coa posibilidade de adquirir ata cinco vehículos máis en 2023.

En concreto, prevese comprar 15 motobombas -que terán unha capacidade mínima para dúas persoas e 3.500 litros de cabida útil de auga- por un importe de 4,2 millóns de euros; así como outros 12 batracios por importe de 4,16 millóns de euros. Estes consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidozer, que se empregarán no mantemento de puntos de auga e apoio nas queimas prescritas que se levan a cabo no dispositivo de prevención contra incendios forestais. Ademais, poderanse empregar, en caso necesario, para tarefas de extinción de lumes.

Neste senso, cabe lembrar que durante o período operativo FEDER 2014-2020, a Consellería comprou un total de 51 motobombas por un importe de 11.224.879,60 euros. Ademais, no presente ano 2022 mercáronse outras 13 novas motobombas por importe de 2.717.000 euros que serán entregadas no ano 2023 e que están financiadas con fondos Next Generation.

21,76 M€ en mellorar os medios materiais do servizo de prevención e extinción de...
Comentarios