Unha trama que combina a cultura galega do alén coas máis recentes teorías e investigacións sobre fenómenos inexplicables. Esta é a proposta central de A muller do muro, a nova novela do xornalista e escritor Manuel F. Rodríguez, que acaba de ser publicada pola editorial compostelá Bolanda. A obra conta cun innovador deseño de Sebas Pazos, que inclúe unha tipografía especificamente galega creada por Marcos Dopico.
A novela, de 312 páxinas, ten como protagonista a Xenebrando Río, un xornalista que, unha mañá, se enfronta a un feito totalmente inesperado e inexplicable, un suceso que o leva por un camiño sen retorno, tal e como anuncia a contraportada do libro.
A presentación de A muller do muro terá lugar o vindeiro 5 de febreiro, ás 19:30 h, na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, e contará coa participación de Suso de Toro. Nas semanas seguintes, o autor estará presente noutras cidades e localidades galegas para presentar a súa obra.
Esta é a segunda novela de Manuel F. Rodríguez, natural de Sarria e residente en Teo. A súa primeira novela, A viaxe á fin do mundo, tamén editada por Bolanda en 2017, parte do roubo da cruz grega de Afonso III o Magno na catedral de Santiago en 1906. Tras o éxito da edición en galego, foi publicada en 2023 en castelán, co título de El viaje al fin del mundo. Los buscadores, pola editorial madrileña Evohé, especializada en novela histórica.
Ademais das súas novelas, Manuel F. Rodríguez ten publicadas outras obras en Bolanda, entre elas a guía histórica Santiago de Compostela para los peregrinos, da que se prepara unha nova edición en español, e, sobre todo, La Gran Enciclopedia del Camino de Santiago. Diccionario de la cultura jacobea (2010), unha obra en 18 tomos con tres mil entradas da que foi director e autor principal. Esta enciclopedia, pendente de actualización, está dispoñible en internet con acceso libre baixo o nome de Xacopedia. Polo seu traballo de investigación e divulgación do Camiño de Santiago, Rodríguez recibiu diversos recoñecementos en Galicia e no estranxeiro, entre eles o prestixioso Premio Internacional Aymeric Picaud.